O proxecto contará cun investimento superior aos 2 millóns de euros e permitirá avanzar na mellora ambiental, paisaxística e funcional dunha zona de gran valor para a cidade, incrementando o seu uso público e reforzando a súa integración coa contorna residencial.
O rexedor destacou que “este acordo responde a unha estratexia clara: recuperar a nosa contorna urbana e fluvial con espazos públicos de referencia, integrados na vida urbana, ao servizo das persoas e do desenvolvemento equilibrado de Lugo”..
Pola súa banda, Quiroga destacou o carácter integrador da actuación, subliñando que “permitirá mellorar a funcionalidade dun espazo no que o barrio da Ponte, historicamente vinculado ao río, poderá recuperar e reforzar esa relación entre o ámbito residencial e o medio natural”.
- Tema

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, asinaron hoxe no Salón de Comisións da Casa Consistorial o convenio de colaboración para a execución do proxecto de recuperación da contorna de Fermín Rivera, unha actuación estratéxica que suporá unha transformación integral deste espazo fluvial.
O proxecto contará cun investimento superior aos 2 millóns de euros e permitirá avanzar na mellora ambiental, paisaxística e funcional dunha zona de gran valor para a cidade, incrementando o seu uso público e reforzando a súa integración coa contorna residencial. Segundo recolle o convenio, a cofinanciación da actuación realizarase cunha achega do 95 % por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, mentres que o Concello de Lugo asumirá o 5 % restante do custo total.
A sinatura deste acordo dá continuidade ao protocolo rubricado entre ambas administracións o pasado mes de maio e permitirá materializar un proxecto clave para a cidade, cuxas obras poderán comezar ao longo deste ano 2026, unha vez completado o proceso de tramitación administrativa e adxudicación, previsto para a próxima primavera.
O alcalde de Lugo destacou que “este acordo responde a unha estratexia clara: recuperar a nosa contorna urbana e fluvial con espazos públicos de referencia, integrados na vida urbana, ao servizo das persoas e do desenvolvemento equilibrado de Lugo”.
Miguel Fernández puxo en valor a colaboración institucional coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil, subliñando que “este convenio non é un feito illado, senón unha mostra de que cando as administracións cooperan con visión de futuro, os resultados chegan á cidadanía, mellorando a súa calidade de vida”.
Neste sentido, lembrou que actuacións como a de Fermín Rivera, a unión dos paseos do Miño e do Rato —que permitiu completar o cinto verde da cidade— ou os futuros proxectos de acondicionamento das ribeiras responden a un modelo de cidade máis verde, sostible e conectada coa súa contorna natural.
Pola súa banda, o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil destacou o carácter ambicioso da actuación, subliñando que “permitirá mellorar a funcionalidade dun espazo no que o barrio da Ponte, historicamente vinculado ao río, poderá recuperar e reforzar esa relación entre o ámbito residencial e o medio natural”.
Neste sentido, Quiroga explicou que “o proxecto atópase xa moi avanzado e a previsión é poder licitar as obras ao longo do mes de xullo, unha vez completados os trámites administrativos”.
Así mesmo, indicou que “as obras están concibidas para que o seu núcleo principal se desenvolva ao longo do ano 2027, sendo ese o período máis relevante da intervención”.
O presidente da CHMS subliñou ademais que “con este convenio dá comezo a fase máis esperada do proxecto, a da execución das obras, deixando atrás a fase de planificación”, e lembrou que “o proceso administrativo require cumprir cos prazos propios da tramitación pública antes do inicio das obras”.
O proxecto terá un impacto directo na calidade de vida da veciñanza, mellorando aspectos clave como a accesibilidade, a seguridade e o aproveitamento social do entorno fluvial, consolidándoo como un espazo de convivencia e lecer.
Con este convenio, ambas administracións reafirman o seu compromiso coa recuperación dos espazos fluviais como elementos vertebradores da cidade, apostando por un desenvolvemento urbano máis amable, sostible e respectuoso co medio natural.
Audio
- Miguel Fernández, sobre o convenio | Descargar mp3

