As actuacións permitiron conectar á rede municipal de auga potable catro fontes no barrio da Ponte e executar unha nova fonte de auga potable e unha ornamental en Albeiros.
O investimento municipal ascendeu a 29.675,25 euros e as intervencións executáronse nun prazo inferior a tres meses.
“Seguimos avanzando na recuperación e posta en valor dos espazos públicos, mellorando infraestruturas básicas que forman parte do día a día da veciñanza”, destacou o alcalde.

O Concello de Lugo vén de finalizar as obras de conexión á rede municipal de auga potable en seis fontes públicas da cidade, unha actuación que permitiu garantir o seu correcto funcionamento e mellorar as infraestruturas hidráulicas en distintos barrios. Os traballos, cun investimento total de 29.675,25 euros, culminaron nos últimos días coa execución da nova fonte de auga potabl e unha ornamental no parque do Camiño de Romai, en Albeiros.
Segundo explicou o alcalde, Miguel Fernández, “esta intervención responde ao compromiso do Goberno local coa mellora continua dos servizos públicos e coa modernización das infraestruturas municipais. Actuamos sobre elementos moi vinculados á vida cotiá dos barrios, asegurando a súa conexión á rede municipal, mellorando a súa eficiencia e garantindo condicións adecuadas de uso e mantemento”.
O rexedor engadiu que “cada pequena actuación suma na construción dunha cidade máis coidada e funcional. A mellora das fontes públicas non é só unha cuestión estética, senón tamén de servizo, de seguridade e de respecto polo espazo común que compartimos”.
As actuacións desenvolvéronse en catro fontes situadas no barrio da Ponte —no enlace con Fermín Rivera, en Pontegaos, na antiga estrada de Santiago e no lugar de Reboredo— onde se realizaron traballos de acometida e conexión á rede pública de auga potable. As intervencións incluíron a execución de zanxas, instalación de tubaxes de polietileno de alta densidade conforme á normativa vixente, colocación de arquetas prefabricadas de formigón, instalación de chaves de paso e elementos de fontanería, así como a reposición de pavimentos e firmes afectados polas obras.
No caso do parque do Camiño de Romai, en Albeiros, executouse a instalación dumha fonte de auga potable, así como dunha nova fonte ornamental, incluíndo o transporte e colocación do elemento, a execución das correspondentes escavacións, a acometida á rede municipal e a instalación dos sistemas de conexión e regulación. Esta foi a última das actuacións en completarse, dando por rematado o conxunto do proxecto.
“Seguiremos investindo na mellora progresiva das infraestruturas municipais, priorizando actuacións que teñan un impacto directo na calidade de vida da cidadanía e que reforcen o equilibrio entre mantemento, sustentabilidade e modernización urbana”, concluíu Miguel Fernández.
Con esta actuación, o Concello continúa avanzando na mellora dos barrios, no mantemento do espazo público e na modernización progresiva das infraestruturas municipais, consolidando unha cidade máis coidada, sostible e adaptada ás necesidades da cidadanía.


