O Goberno local considera imprescindible que a execución do proxecto se realice cunha axeitada integración urbanística e territorial para garantir a súa correcta adaptación ao contorno e ao planeamento vixente.
Entre as principais observacións municipais figura a relativa á edificabilidade prevista no proxecto autonómico que incrementa ata 1,10 m²/m² fronte ao 0,90 m²/m² establecido no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo.
Sublíñase a importancia de executar actuacións de mellora na Calzada das Gándaras e na rúa Serra de Meira, incluídas no denominado Plan Paradai, como condición clave para asegurar a accesibilidade e funcionalidade do novo desenvolvemento debído ao aumento de poboación previsto no barrio.
No que respecta ás zonas verdes e espazos libres públicos, o Concello sinala a necesidade de xustificar adecuadamente a superficie, dimensións e condicións topográficas das áreas propostas, así como de revisar a súa localización para optimizar a funcionalidade.

O Servizo de Urbanismo do Concello de Lugo remitiu esta mañá á Xunta de Galicia o informe municipal coas consideracións técnicas ao proxecto do PAI do Sagrado Corazón, no que se avalía a proposta promovida pola administración autonómica para o desenvolvemento residencial do sector S-5.R.
O Goberno local subliña que a construción de vivenda sometida a algún réxime de protección pública constitúe un obxectivo plenamente coherente co Plan Municipal de Vivenda e coa necesidade de ampliar a oferta residencial accesible na cidade. Con todo, o Concello considera imprescindible que a execución do proxecto se realice cunha axeitada integración urbanística e territorial, polo que formula unha serie de recomendacións técnicas orientadas a garantir a súa correcta adaptación ao contorno e ao planeamento vixente.
Entre as principais observacións municipais figura a relativa á edificabilidade prevista. O proxecto autonómico incrementa este parámetro ata 1,10 m²/m² fronte ao 0,90 m²/m² establecido no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo. Aínda que o incremento se atopa dentro dos límites legais, o informe municipal recomenda manter a edificabilidade actualmente vixente co obxectivo de minorar impactos paisaxísticos e sobre as infraestruturas existentes, favorecendo unha mellor integración do novo desenvolvemento no tecido urbano consolidado.
No que respecta ás zonas verdes e espazos libres públicos, o Concello sinala a necesidade de xustificar adecuadamente a superficie, dimensións e condicións topográficas das áreas propostas, así como de revisar a súa localización para optimizar a funcionalidade destes espazos e a súa conexión co entorno residencial. A administración local entende que unha reubicación e mellor definición destas dotacións contribuiría a incrementar a calidade urbana do ámbito e o equilibrio entre edificación e espazo público.
En materia de infraestruturas, os servizos municipais constatan a suficiencia dos sistemas de abastecemento e saneamento, pero advirten da necesidade de reforzar a capacidade viaria exterior ante o incremento de tráfico previsto. Especialmente, sublíñase a importancia de executar actuacións de mellora na Calzada das Gándaras e na rúa Serra de Meira, incluídas no denominado Plan Paradai, como condición clave para asegurar a accesibilidade e funcionalidade do novo desenvolvemento.
O informe tamén aborda a cuestión dos sistemas xerais adscritos ao sector, recordando que a lexislación urbanística establece a cesión obrigatoria, gratuíta e libre de cargas dos terreos destinados a espazos libres e equipamento público. Neste sentido, o Concello solicita que o proxecto contemple expresamente a cesión ao patrimonio municipal dos ámbitos correspondentes aos sistemas xerais previstos, garantindo así a súa futura materialización e uso público.
Finalmente, o informe municipal solicita que o PAI determine os prazos estimados de execución e complete a normativa urbanística con parámetros claros de edificación, parcelación e implantación das construcións, co fin de facilitar a posterior tramitación das licenzas e a seguridade xurídica do desenvolvemento.
Con este documento, o Concello de Lugo reafirma a súa disposición a colaborar institucionalmente para facer viable unha actuación que permita incrementar a oferta de vivenda protexida na cidade, ao tempo que defende a necesidade de que o proxecto se adapte de maneira equilibrada ao planeamento, ao contorno urbano e ás infraestruturas existentes, garantindo un crecemento ordenado e sostible.

