O Concello de Lugo aproba a contratación de traballos de roza no rural por máis de 280.000 euros

A actuación, cofinanciada con fondos europeos FEADER, permitirá actuar en máis de 770 quilómetros de pistas.

O contrato estrutúrase en catro lotes que abranguen a totalidade das parroquias do municipio.

“Reforzamos a prevención de incendios e o mantemento do rural cunha intervención planificada e continua en todo o territorio”, destacou o alcalde,  Miguel Fernández.

Mércores, 01 de abril de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo aproba a contratación de traballos de roza no rural por máis de 280.000 euros

O Concello de Lugo vén de aprobar a contratación, mediante lotes, do servizo de roza de pistas e terreos no medio rural, cun investimento total de 280.637,36 euros, co obxectivo de reforzar as tarefas de mantemento e prevención de incendios forestais de cara á campaña de verán.

“Estamos a falar dunha actuación clave nestes meses, nos que o risco de incendios aumenta de maneira considerable. A prevención é fundamental, e pasa por manter limpos e en condicións axeitadas os nosos camiños e parcelas”, sinalou o alcalde, Miguel Fernández, quen incidiu en que “adiantarse e planificar é a mellor ferramenta para protexer o noso territorio e garantir a seguridade da veciñanza”.

O contrato divídese en catro lotes, correspondentes ás zonas norte, leste, sur e oeste do municipio, permitindo unha actuación integral en todas as parroquias. En concreto, intervirase sobre un total estimado de 770 quilómetros, distribuídos en 180 quilómetros na zona norte, 180 na leste, 190 na sur e 200 na oeste, ademais de superficies de parcelas en cada unha destas áreas.

No que respecta ao investimento, o lote 1 (zona norte) conta cun orzamento de 67.425,86 euros; o lote 2 (zona leste), con 67.425,86 euros; o lote 3 (zona sur), con 71.070,50 euros; e o lote 4 (zona oeste), con 74.715,14 euros. O sistema de execución establecerase en función dos quilómetros efectivamente desbrozados, garantindo así unha adaptación ás necesidades reais do territorio.

Os traballos desenvolveranse durante un período de tres meses, entre xuño e setembro, podendo adaptarse en función das condicións e das necesidades detectadas, dentro dunha planificación orientada a reforzar a seguridade e o bo estado do medio rural.

Esta actuación forma parte das accións incluídas no convenio coa Consellería do Medio Rural en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais e está parcialmente cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027.

A través desta intervención, o Concello de Lugo continúa avanzando na mellora das infraestruturas rurais e no coidado do territorio, contribuíndo á redución do risco de incendios e ao mantemento dun rural máis seguro e sostible.

Noticias relacionadas