O xullo con máis vida e movemento en Lugo dos últimos anos, con máis de 12.400 visitantes á oficina de turismo e aos museos do Concello

Máis do 14% dos visitantes á Praza do Campo procedían do estranxeiro, 940 persoas. Os foráneos que máis visitaron a cidade no pasado mes de xullo foron os franceses (148), seguidos dos italianos (79) e estadounidenses (64)

A Casa dos Mosaicos é o centro expositivo máis visitado, con 2.642 persoas no mes de xullo, un 22% máis que o pasado ano; seguido da Domus Mitreo con máis de 2.000 visitas

Xoves, 03 de agosto de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Este mes de xullo, foi, a xuízo da Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, "o xullo con máis vida e movemento en Lugo dos últimos anos", con máis de 12.400 visitantes á oficina municipal de turismo e os museos do Concello. O centro de atención aos turistas da Praza do Campo atendeu a máis de 6.500 persoas, o que supón un aumento do 10,8% con respecto ao mes de xullo do pasado ano. O sábado 22 de xullo foi o día no que máis turistas se achegaron á Praza do Campo, un total de 390.

Máis do 14% dos visitantes procedían do estranxeiro, 940 persoas. Os foráneos que máis visitaron a cidade no pasado mes de xullo foron os franceses (148), seguidos dos italianos (79) e estadounidenses (64).

En canto ao turismo nacional, o número de visitantes volve a repuntar con respecto ao pasado ano. Os madrileños continúan estando á cabeza (1278), seguidos dos procedentes de León (675), País Vasco (624), Cataluña (528) e Andalucía (490). No que se refire a Galicia, as persoas que máis interese amosaron por coñecer Lugo foron os coruñeses e pontevedreses.

A Oficina Municipal de Turismo rexistra a súa maior actividade a mediodía, achegándose á Praza do Campo o 67% dos visitantes.

Museos

Polo que respecta aos museos, recibiron máis de 5.880 persoas no mes de xullo, o que significa que estes espazos expositivos espertan cada verán máis interese. A Casa dos Mosaicos segue a ser a máis visitada, con 2.642 persoas no mes de xullo, un 22% máis que o pasado ano; seguida da Domus Mitreo con máis de 2.000 visitas. Á Sala de Exposicións de Porta Miñá achegáronse unhas 590 persoas, unhas 300 ao MIHL e 330 ao Centro Arqueolóxico de San Roque.

A Concelleira amosou a súa satisfacción polos bos datos de afluencia á cidade e ás variadas actividades organizadas. "Non podemos negar que nos atopamos ante o inicio de verán con máis actividade turística dos últimos anos. Lugo, a cidadanía, e o Concello sacamos o mellor para amosar todo o bo que temos", subliñou Basadre, ao tempo que incidiu no empeño do Concello por garantir unha oferta continuada ao longo do verán, con actuacións musicais ou andainas todas as semanas.

"Somos conscientes de que se pode sacar máis partido a Lugo e neso traballamos todos os meses, especialmente no verán, en poder incrementar o nivel cultural do municipio, e conseguir que precisamente a cultura sexa un reclamo par os visitantes, e como non, para os e as lucenses", concluíu a edil.

Audio

Noticias relacionadas