O viveiro de empresas do Concello na Tinería completa a súa renovación coa apertura de seis negocios que contribuirán a dinamizar o barrio

Alvarellos e Repetto visitaron ás persoas emprendedoras beneficiarias da 2ª convocatoria posta en marcha polo executivo para a cesión de locais comerciais neste barrio da cidade.

A rexedora informou que “todos os negocios xa se atopan abertos ao público” e convidou á cidadanía a achegarse a coñecer os produtos e servizos que estes ofrecen.

O Concello alugou os espazos en condicións moi vantaxosas como mostra do seu compromiso coa rexeneración desta zona do Centro Histórico.

Mércores, 03 de abril de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O viveiro de empresas do Concello na Tinería completa a súa renovación coa apertura de seis negocios que contribuirán a dinamizar o barrio

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, acompañada do edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, visitou o viveiro municipal da Tinería para coñecer de primeira man os seis novos negocios que ocuparán outros tantos locais comerciais neste barrio do Centro Histórico. Farano durante un período máximo de seis anos, cunhas condicións moi vantaxosas, pois o Concello reducirá os alugueiros nun 70% sobre o prezo estipulado polo IGVS, de xeito que a cota a satisfacer polos arrendatarios dos locais será o 30% do importe total que a administración local pagará á Xunta de Galicia, ao tratarse de espazos de titularidade autonómica.

Ademais, a rexedora lembrou que “o Concello asumirá tamén o importe do IBI de todos os locais, e este custo non se repercutirá aos arrendatarios”. Deste xeito, as rendas oscilan entre os 18,59 euros mensuais do aluguer máis baixo e os 133,82 euros do máis caro. Alvarellos informou que “tras varias semanas nas que os novos adxudicatarios dos espazos puideron acondicionar os locais de acordo coas características da súa actividade comercial, todos os negocios xa se atopan en funcionamento e abertos ao público”.

Neste senso, a alcaldesa convidou a toda a cidadanía a “achegarse a coñecer os produtos e servizos que estes ofrecen”, e lembrou que, precisamente, o obxectivo desta iniciativa é “contribuír a dinamizar social e economicamente o barrio da Tinería, do mesmo xeito que tamén pulamos pola rexeneración urbanística do Centro Histórico coas obras de peonalización e humanización, para que xuntas estas intervencións teñan un caracter transformador na contorna”.

“A determinación e a capacidade de emprender amosada polas empresas que forman parte deste viveiro empresarial municipal conta co soporte total deste Goberno local. O apoio ao emprendemento é un piar fundamental da nosa política de dinamización económica, coa que pretendemos expandir o noso tecido produtivo, xerar emprego e fixar poboación nova. Queremos que Lugo siga sendo unha cidade de oportunidadese”, engadiu a rexedora.

Pola súa banda, Repetto lembrou que “esta é a segunda convocatoria que poñemos en marcha, logo de que os inmobles estiveran ocupados durante os pasados cinco anos, contribuíndo á xeración de novos postos de traballo e ao despegue de proxectos empresariais de diversa índole, algún dos cales volveu a mostrar o seu interese en continuar na zona”.

O edil explicou que para a cesión destes locais, en condicións moi vantaxosas, o Concello de Lugo, a través da área de Dinamización Económica, asinou un acordo co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) que contempla o arrendamento de sete locais de titularidade autonómica, un dos cales, situado na rúa Tinería 36, será empregado polo propio Concello para realizar actividades de dinamización, mentres que os outros seis locais poranse a disposición dos/as emprendedores/as da cidade.

Información das empresas instaladas no viveiro da Tinería

  • Ani Nails Lugo: Estudo de uñas que brinda servizos de manicura e pedicura, especializada no reforzamento e crecemento natural da uña usando técnicas de Drill Manicures. Ademais, realiza talleres de manicura, pintura de diferentes símbolos nas uñas, etc.
  • Portomeñekos: Proxecto de taller de artesanía, concretamente de construción e restauración de figuras de cartón pedra con venda directa ao público e a posibilidade de mostrar en vivo o traballo con visitas e cursos a público reducido no propio taller.
  • Perspectiva: Oferta de produtos de agasallo e recordos personalizados de alta calidade, deseñados especificamente para cada cliente mediante impresións dixitais. Produtos como camisetas, cuncas, lenzos, suadoiros, etc.
  • Lucus Aventur: Organización de actividades lúdicas para todos os públicos. Actividades ao aire libre como tirolesas, tiro con arco, minigolf, kaiaks, pádel surf, trekking, roteiros e-bike etc. Alugueiro de bicicletas eléctricas, reparación de bicicletas e tenda de produtos deportivos.
  • Sara Lage: Taller/tenda de confección de vestidos de noiva confeccionados a medida. Nun mundo en que todo está feito en masa nace este proxecto que busca exclusividade, e que profunda no interior das persoas, expondo pezas únicas que reflictan a súa personalidade.
  • Anaytra: Realiza unha ampla variedade de análises de auga en función das necesidades dos clientes e tipo de mostra a analizar. Análise de parámetros físicos, químicos e microbiolóxicos para verificar o cumprimento coa lexislación vixente e para asegurar unha correcta calidade da auga segundo o uso que se lle queira dar.

SITUACION LOCAL

ADXUDICATARIO E ACTIVIDADE

HORARIO COMERCIAL

MIÑO, 32

Margarita Portomeñe- Portomekeños:taller de artesanía de cartón pedra

Luns a venres: 10:30h a 13:30h e 17:00h a 20:00h

Sábados: 11:00h a 14:00h

TINERIA, 24

Sara Lage: taller de deseño e confección a medida de traxes de noiva

Luns a venres: 9:30 a 14:00 e 16:00 a 20:00h

RECANTO DO MIÑO, 8

Ermitas Saavedra - Anaytra: laboratorio análisis de augas

Luns a venres: 09:00h a 14:00h

RECANTO DO MIÑO, 15

Annya Khaterina Bernal -Ani Nails Lugo: estudio de uñas con servicio de manicura e pedicura

Luns a venres: 11:00h a 20:00h

Sábados: 11:00h a 18:00h

PRACIÑA UNIVERSIDADE, 3 LETRA I

Iván Eduardo Rosales - Perspectiva: tenda e taller de produtos personalizados

Luns a venres: 10:00h a 14:00h e 17:00h a 21:00h

Sábados e festivos: 10:00h a 14:00h

PRACIÑA UNIVERSIDADE, 3 LETRA II

David López - Lucus Aventur, SL: aluguer, venda e mantemento de bicicletas, patíns e triciclos.

Luns a venres: 10:30 a 13:30 e 16:30 a 19:30

Sábados e domingos atención telefónica.

Multimedia

  • O viveiro de empresas do Concello na Tinería completa a súa renovación coa apertura de seis negocios que contribuirán a dinamizar o barrio
  • O viveiro de empresas do Concello na Tinería completa a súa renovación coa apertura de seis negocios que contribuirán a dinamizar o barrio

Noticias relacionadas