O prazo de solicitude das axudas municipais para aluguer de vivenda, taxi adaptado e colectivos sociais ábrese mañá

O Concello destina 150.000 euros a subvencións para alugamento; 9.000 ás dirixidas a persoas con discapacidade física para o uso de taxi adaptado; e 28.000 a actividades e mantemento de instalacións de colectivos sociais

As subvencións, publicadas no BOP e no DOG, poderán solicitarse ata primeiros de novembro

Martes, 06 de outubro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana María González Abelleira, anunciou que mañá mércores se abrirá o prazo de solicitude de subvencións para o alugamento de vivendas; axudas para persoas con discapacidade física e afectadas por graves dificultades de mobilidade que teñan que facer uso de taxi adaptado, o denominado bono-taxi; e subvencións a asociacións e persoas xurídico privadas sen ánimo de lucro para levar a cabo programas e actividades e para o mantemento e conservación e pequenas reparacións das infraestruturas nas que se levan a cabo esas actividades.

As subvencións, publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia, poderán solicitarse durante 30 días naturais no caso das de alugamento, e de un mes nas de bono taxi e para asociacións, é dicir, ata primeiros de novembro. As persoas teñen toda a información no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do 26 de setembro.

O orzamento destinado polo Concello a estas liñas de axudas suman preto de 190.000 euros, lembrou a edil, quen enmarcou as subvencións en materia social “no firme e contrastado compromiso do Goberno co benestar, a integración e a igualdade de oportunidades”.

Alugamento de vivendas 

O plan de axudas para o alugamento de vivendas foi implantado polo Goberno socialista no concello hai 10 anos coa finalidade de favorecer un dereito fundamental, como é o acceso á vivenda aos cidadáns con menos recursos. O Concello destina 150.000 euros a este plan, igual que no 2014, para financiar parcialmente o alugamento de vivenda destinada a domicilio habitual. Terán preferencia persoas que sufran un desafiuzamento, familias monoparentais, persoas discapacitadas, mulleres vítimas de violencia de xénero e desempregados.

Os beneficiarios serán persoas ou unidades familiares con rendas inferiores a 15.000 euros anuais con contratos de arrendamento vixentes ou con compromiso de adquirilos na data de peche do prazo de presentación de solicitudes.

A subvención, en réxime de concorrencia competitiva, concédese por un período inicial de 12 meses, prorrogable ata un máximo de 12 meses máis, e cobren entre o 20 e o 50% dos alugueres que non superen os 350 euros mensuais. A maioría dos beneficiarios recibe o 50% do importe, o que indica que se están beneficiando as persoas máis desfavorecidas.

O Concello aumentou o orzamento das axudas atendendo ao incremento considerable do número de solicitudes. No ano 2008, a dotación económica das axudas foi de 90.000 euros e as solicitudes 63, que pasaron a 150.000 euros de orzamento e máis de 130 solicitudes no pasado ano 2014.

Bono-taxi

O Concello destina 9.000 euros a subvencións para persoas con discapacidade física e afectadas por graves dificultades de mobilidade que teñan que facer uso de taxi adaptado, o denominado bono-taxi. A contía da axuda a cada persoa solicitante será de 800 euros anuais, a excepción das persoas empadroadas na zona rural, casos nos que o límite máximo será de 1.000 euros, unha novidade con respecto á convocatoria do pasado ano.

Darase prioridade ás persoas que residan na zona rural e ás que perciban menos ingresos, no caso de que o número de solicitantes fora superior á dotación económica coa que conta a convocatoria.

O Concello de Lugo conta na actualidade con tres taxis adaptados, converténdose o pasado ano na primeira cidade de Galicia en contar na flota de taxis co 5% de vehículos adaptados, o ratio que recomenda a Lei autonómica de accesibilidade e supresión de barreiras.

Asociacións de servizos sociais

En canto ás axudas a asociacións e persoas xurídico privadas sen ánimo de lucro que desenvolvan a súa actividade no eido dos servizos sociais contan cunha dotación de 28.000 euros e están destinadas a colaborar cos colectivos para levar a cabo programas e actividades, e para o mantemento e conservación e pequenas reparacións das infraestruturas nas que se levan a cabo esas actividades.

Audio

Noticias relacionadas