O neuromarketing centra a primeira das Charlas de Alto Impacto coas que profesionais de prestixio inspirarán o emprendemento local

O doutor Mikel Alonso, será o relator da primeira xornada que terá lugar este mércores, 22 de xuño, ás 12:00 horas, no CEI Nodus.

A actividade enmárcase dentro da Campaña Localmente Lucense coa que a alcaldesa, Lara Méndez, pretende reactivar a dinamización económica e apoiar ao tecido produtivo da cidade.

As persoas interesadas en acudir poden inscribirse en www.localmentelucense.gal/charlas-de-impacto.

Luns, 20 de xuño de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O neuromarketing centra a primeira das Charlas de Alto Impacto coas que profesionais de prestixio inspirarán o emprendemento local

Inspirar o emprendemento e seguir fomentando o orgullo lucense entre o empresariado e o público local.

Con esa vocación este mércores, 22 de xuño, o CEI Nodus acollerá, ás 12:00 horas, a primeira das “Charlas de Alto Impacto” organizadas dentro da campaña Localmente Lucense que se inclúe na Estratexia de Recuperación Económica do Municipio deseñada pola rexedora, Lara Méndez.

A tenenta de alcaldesa e concelleira de Desenvolvemento Local, Ana González Abelleira, anunciou hoxe a realización desta xornada que combina unha parte de conferencia presencial, con expertos de recoñecido prestixio, “pero que logo terá continuidade cunha sesión de networking na que as e os relatores interactuarán cos e coas asistentes para abordar aquelas cuestións que lles preocupen e lles achegarán novos recursos cos que afrontar os retos que asumen a diario nos seus negocios”.

“A actividade – referiu a edil – está dirixida a persoas emprendedoras ou que estean a piques de selo, a aquelas que xa teñen unha empresa ou ás que busquen aumentar coñecementos de cara a unha oportunidade ou mellora laboral porque o que pretendemos con esta iniciativa é incrementar as súas potencialidades e achegarlles outras perspectivas coas que afrontar os desafíos que xorden dun contexto tan complexo e cambiante como o actual”.

González Abelleira avanzou que, nesta ocasión, será o doutor en Neuromarketing, Mikel Alonso, quen propiciará entre o público unha reflexión sobre a maneira de actuar, tanto a nivel profesional como persoal a través do seu relatorio que versará sobre ‘Como o Brain Data cambiará as empresas”.

“Convidamos, polo tanto, a toda a cidadanía interesada nesta temática a participar na primeira das Charlas previstas e a acudir o mércores ao Centro de Empresas e Innovación do Concello para escoitar a Mikel, aprender da súa experiencia e tamén para compartir vivencias e inquedanzas co resto de asistentes no que, estamos seguro, será un encontro moi produtivo a todos os niveis”, sinalou a concelleira.

As persoas interesadas en acudir poden inscribirse en www.localmentelucense.gal/charlas-de-impacto

En total, o ciclo achegará unha ducia de sesións, da man de grandes referentes no ámbito empresarial nacional pero tamén local, nas que se tratarán aspectos como a xestión, as ventas, a comunicación, o branding ou marketing dixital.

Mikel Alonso

Mikel Alonso é Licenciado en Informática pola Universidade de Deusto, Master en Xestión da Comunicación e TI pola EOI, Diplomado en Ciencias Empresariais pola UCM e Tese doutoral “Cum Laude” en Neurociencia aplicada ao comportamento humano.

Profesor dos master UCM: Neuromarketing, Dirección de Marketing, Creación de Empresas, Compliance Officer, Protocolo e Xestión de Eventos e Marketing Promocional e Investigador en Neuromarketing e Comportamento do Consumidor.

Publicou máis de 15 artigos en revistas científicas nacionais e internacionais e asistiu como relator a numerosos congresos científicos como AEMARK e MARKETING TRENDS.

Alén de participar na acreditacón de máis de 50 títulos universitarios oficiais coa Fundación Madridmasd na comunidade de Madrid, é autor de libros como:

  • Principios de marketing estratéxico e operativo (2015) Editorial Grin
  • O rol das emocións no consumidor (2016) Editorial Grin
  • En proceso: “Neuromarketing: que a forza te emocione. Técnicas, bases científicas e aplicacións do neuromarketing na empresa”. Editorial Pirámide, Xestión e Empresa.

Traballou, así mesmo, en Departamentos de Marketing de distintas multinacionais como Ericsson, Telefónica e Microsoft.

Noticias relacionadas