O mércores 4 de xullo, a Escola Municipal de Música sorteará publicamente a adxudicación de prazas e elección de horarios

Ao día seguinte, o 5 de xullo, publicaranse as listaxes provisionais de alumnado admitido e de agarda no taboleiro destas instalacións municipais, establecéndose un prazo de 10 días naturais para as alegacións oportunas

Venres, 29 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O vindeiro mércores, 4 de xullo, a Escola Municipal de Música realizará o sorteo público, por letra, para a adxudicación de prazas e elección de horarios, segundo recollen as bases para o procedemento de matrícula da escola. Será a partir das 10:00 horas, nas propias dependencias da escola.

Ao día seguinte, o 5 de xullo, publicaranse as listaxes provisionais de alumnado admitido e de agarda no taboleiro da Escola, establecéndose un prazo de 10 días naturais para as alegacións oportunas.

Para o 2018-2019, o Concello ofrece un total de 910 prazas en 22 instrumentos e disciplinas diferentes. As materias que se impartirán divídense en catro bloques que conteñen as seguintes prazas: 28 de frauta traveseira; 60 de clarinete; 45 de saxofón; 10 de fagot; 6 de trompa; 18 de trompeta; 18 de trombón; 3 de tuba-bombardino; 17 de percusión; 22 de gaita; 8 de pito pastoril galego; 14 de piano; 82 de música e movemento; 180 de formación básica; 200 de linguaxe musical; 120 de formación para adultos (a partir de 16 anos); 15 de improvisación; 6 de gravación de edicións e son e iniciación á informática musical; 15 de big band; 15 de círculo de tambores; 8 de grupo percusión tradicional e 20 combo de formación de adultos.

As especialidades para as que non hai límite de prazas son: grupo de clarinetes; grupo de saxofóns; banda; banda infantil; coro moderno; grupo tradicional; grupo didáctico de pito pastoril galego; charanga; grupo de pandeiretas; grupo de metais graves e aula de técnica base metal grave.

Noticias relacionadas