Maite Ferreiro anunciou esta medida adoptada despois da "grande demanda de localidades".
A actividade enmárcase no 25 aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que o concerto de presentación da Banda Infantil e do Coro de Nenos e Nenas da Filharmónica de Lugo se realizará na sala grande do Auditorio Fuxan os Ventos "debido á alta demanda de entradas por parte do público". A actividade, que se celebrará este sábado 29 a partir das 19h, trasládase despois de esgotar as entradas habilitadas na sala pequena.
Maite Ferreiro, explicou que “a resposta das veciñas e veciños superou as previsións iniciais para esta actividade, o que amosa o interese que esperta a programación cultural especial polo 25º aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade”.
Ferreiro destacou que esta medida permitirá que un maior número de persoas poidan asistir ao concerto. “O obxectivo é garantir que todas as persoas que mostraron interese poidan gozar deste evento”, dixo Maite Ferreiro, que lembrou que as entradas se poden obter de xeito gratuíto no portal entradaslugo.es.

