A gala reunirá no Auditorio Fuxan os Ventos o talento musical da cidade nunha noite de recoñecementos, actuacións e celebración colectiva
O Premio Honorífico da Música en Lugo porá en valor unha traxectoria exemplar e un compromiso continuado coa cultura lucense
- Tema

A Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo, coa colaboración do xornal El Progreso, anuncia a celebración da 1ª Edición dos Premios Muralleando, un novo certame nacido para recoñecer o talento, a creatividade e a vitalidade das bandas e artistas locais. A gala desenvolverase o xoves 4 de decembro ás 20:00 horas no Auditorio Fuxan os Ventos, cun programa deseñado para poñer en valor a diversidade e a excelencia da escena musical lucense.
O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, subliña que o evento contará con actuacións en directo e será conducido polo xornalista José Luis Ramudo, quen presentará as distintas categorías propostas e votadas polos propios membros das formacións musicais de Lugo. Ao longo da noite, explica Arroxo, “farase entrega de premios como Mellor Banda de Versións, Mellor Canción Orixinal, Mellor Disco, Mellor Directo, Mellor Solista, Grupo Revelación e Mellor Grupo do Muralleando 2025, entre outros. Cada galardón irá acompañado dun vídeo cos finalistas, reforzando así a transparencia e a participación no proceso de votación”.
A gala incluirá, ademais, a entrega do Premio Honorífico da Música en Lugo, un recoñecemento destinado a distinguir unha traxectoria exemplar e un compromiso sostido coa cultura da cidade. Este galardón será entregado polo propio Tenente Alcalde, en representación do Concello de Lugo, como mostra do firme apoio institucional ao tecido musical lucense.
Con esta iniciativa, a Tenencia de Alcaldía reafirma o seu compromiso coa promoción da música local e coa visibilidade das novas propostas que nacen en Lugo, convertendo os Premios Muralleando nunha cita de referencia para o talento emerxente e consolidado do panorama musical da cidade.
Audio
- Rubén Arroxo, sobre os Premios Muralleando | Descargar mp3

