“Lugo leva anos demostrando que ten todo o necesario para consolidarse como un dos grandes referentes da música indie no noroeste peninsular. O éxito do Caudal Fest é a mellor proba de que a nosa cidade non só é patrimonio, historia e calidade de vida, senón tamén cultura contemporánea”., sinalou o alcalde.
“Cada edición confirma que Lugo é capaz de atraer aos mellores artistas e a milleiros de persoas que veñen gozar dunha experiencia musical única nun entorno privilexiado”, engadiu o rexedor.
Os abonos para Caudal Fest 2026 poranse á venda o venres 21 de novembro ás 12:00 horas nos canais oficiais do festival.

O Concello de Lugo, como principal patrocinador e administración impulsora do Caudal Fest desde a súa creación, presentou hoxe o primeiro avance do cartel do Caudal Fest 2026, nun acto presidido polo alcalde, Miguel Fernández. O festival, que conta tamén co apoio da Deputación de Lugo e forma parte dos Concertos do Xacobeo de Turismo da Xunta de Galicia, consolídase un ano máis como un dos grandes eventos musicais do noroeste peninsular.
Durante a presentación, o rexedor subliñou o valor cultural e estratéxico que o festival supón para Lugo. “Lugo leva anos demostrando que ten todo o necesario para consolidarse como un dos grandes referentes da música indie no noroeste peninsular. O éxito do Caudal Fest é a mellor proba de que a nosa cidade non só é patrimonio, historia e calidade de vida, senón tamén cultura contemporánea, talento e creatividade”, afirmou Fernández. O alcalde engadiu que “cada edición confirma que Lugo é capaz de atraer aos mellores artistas e a milleiros de persoas que veñen gozar dunha experiencia musical única nun entorno privilexiado”.
O festival viviu un rotundo éxito na súa última edición e reforza a súa posición como o terceiro máis importante de Galicia, converténdose nun referente musical a nivel estatal. A continuidade do Caudal Fest en Lugo non só fortalece o tecido cultural da cidade, senón que impulsa a súa proxección turística e económica. “Dende o Concello seguiremos apostando por este modelo: eventos culturais de alta calidade que dinamizan a economía, impulsan o turismo e proxectan a marca Lugo máis alá das súas fronteiras. Hoxe podemos dicir con orgullo que Lugo forma parte do mapa dos grandes festivais”, engadiu o alcalde.
O primeiro avance do cartel vén encabezado por Lori Meyers, un dos grupos máis recoñecidos do indie-rock español, que regresará con forza aos escenarios galegos. Xunto a eles, Siloé presentará a súa combinación de pop e rock emocional, e Ultraligera aportará frescura coa súa proposta que fusiona pop e electrónica. O avance complétase con nomes como Pignoise, La La Love You, Sexy Zebras, Taburete, Barry B, Sanguijuelas del Guadiana, Besmaya, Anni B Sweet ou o artista revelación Inazio.
Fernández destacou tamén o significado de que estas bandas apostaran pola cidade: “Que Lori Meyers, Siloé, Ultraligera e tantas outras bandas aposten por Lugo non é casualidade: é o resultado dunha aposta firme pola cultura e pola capacidade que temos como cidade para organizar eventos que deixan pegada. Lugo é música, Lugo é cultura e Lugo é un destino que non deixa de medrar”.
O Caudal Fest intégrase ademais na campaña municipal "Lugo, Parte do Teu Camiño", coa que o Concello reforza a promoción cultural e turística da cidade. A colaboración institucional coa Deputación e a coordinación cos Concertos do Xacobeo completan o apoio que fai posible un festival que xa é sinal de identidade para as lucenses e os lucenses. Os abonos para Caudal Fest 2025 poranse á venda o venres 21 de novembro ás 12:00 horas nos canais oficiais do festival.




