
A Xunta de Galicia destina 40.000 euros á celebración dunha festa que se consolida como un dos principais referentes da recreación histórica e da promoción turística da cidade.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asinaron esta mañá o convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello de Lugo para apoiar a celebración do XXV aniversario do Arde Lucus, que terá lugar do 18 ao 21 de xuño.
O acordo contempla unha achega de 40.000 euros destinada a contribuír ao financiamento dunha das citas culturais e turísticas máis importantes da cidade, recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional.
Durante o acto, Elena Candia agradeceu o apoio da Xunta de Galicia e destacou a importancia da colaboración institucional e traballo conxunto para seguir fortalecendo un evento que cada ano atrae miles de visitantes e xera un importante impacto económico para Lugo.
A alcaldesa puxo en valor o papel das asociacións de recreación histórica, dos colectivos culturais, da hostalaría, do comercio e da cidadanía, que fan posible que o Arde Lucus continúe medrando vinte e cinco anos despois do seu nacemento.
“O Arde Lucus non é só unha festa; é unha expresión do orgullo que sentimos pola nosa historia e polo que nos fai únicos como cidade”, afirmou Elena Candia, quen incidiu en que “Lugo ten que seguir construíndo o seu futuro sobre aquilo que a diferencia e a fai especial”.
A rexedora subliñou ademais que esta celebración constitúe unha das mellores cartas de presentación da cidade, contribuíndo a proxectar ao exterior o seu patrimonio, a súa identidade e a súa capacidade para atraer visitantes, actividade económica e oportunidades.
Tras a sinatura do convenio de colaboración entre o Concello de Lugo e a Axencia Turismo de Galicia para o desenvolvemento do Arde Lucus Cultural, a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitaron o campamento da Cohors, instalado na Praza Maior.
Organizado pola Asociación Cultural de Recreación Histórica Cohors III Lucensium, este espazo recrea desde o ano 2007 un campamento dunha lexión romana.


