Na tarde de hoxe, o espectáculo de drons, visible desde o miradoiro do Parque Rosalía, e o acto das asociacións de recreación histórica, na Mosqueira, centrarán o programa.
Haberá maxia na Porta da Estación, hoxe e mañá, mentres que o día 30 a marcha ciclista ao redor da Muralla e o flashmob de baile na Praza do Ferrol, serán protagonistas.
O alcalde, Miguel Fernández, anima ás a aos lucenses a participar nas diferentes propostas de ocio e culturais “e celebrar xuntos o que foi un logro colectivo da cidade”.
O Concello de Lugo pechará esta fin de semana a programación do 25 aniversario da muralla pola súa declaración como Patrimonio da Humanidade cunha gran gala institucional no Fuxan os Ventos, que porá fin ás propostas culturais, musicais, artísticas, deportivas e de ocio que comezaron o pasado día 12 e que se desenvolveron durante estas semanas.
Na tarde de hoxe terán lugar dous dos actos máis agardados e espectaculares da programación coa que se está a celebrar este aniversario, como é o espectáculo de drons, ás 19 30 horas, visibles desde o miradoiro do Parque de Rosalía, e ás 20.30 horas o acto protagonizado polas asociacións de recreación histórica romanas e galaicas, fronte á Mosqueira. Ambos actos se adiantaron ao día de hoxe, ante as previsións de fortes choivas para o sábado, a xornada escollida inicialmente para a súa celebración.
Ademais, desde hoxe e ata o propio domingo 30, varios establecementos de hostalería da cidade elaborarán a Tapa Conmemorativa do XXV Aniversario Muralla de Lugo, con creacións gastronómicas especiais inspiradas no monumento. O obxectivo é reforzar o vinculo entre patrimonio, identidade e cultura gastronómica, nunha iniciativa na que Concello de Lugo e Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, APEHL, colaboraron que nestes tres días, a muralla tamén estea presente na gastronomía lucense.
Os locais que se sumaron a esta iniciativa, e que serán agasallados cun distitntivo especial pola súa colaboración, son os establecementos: Cachivaches, Glam Taoo, Karrusel, La Perdiz, O Postigo, Pasarela, Porta Santiago, Saxo, Taberna Daniel, Tapería O Peque e Toni Portela, que ofrecerán durante tres días unha elaboración exclusiva inspirada na Muralla.
Os espectáculos de maxia, a cargo do Mago Rafa e da ilusionista Lore Lavand, tamén continuarán ao longo de toda a fin de semana, aínda que estes días o Baúl da Maxia estará instalado na porta de Campo Castelo. Mañá sábado, haberá catro pases cada media hora de Lore Lavand, desde as 12.00 ás 13.30, e outros catro do Mago Rafa, das 17.00 ás 18.30 horas. Mentres, o día 30, na mesma localización, as pases da mañá serán a cargo do Mago Rafa, entre as 11.30 e as 13.00 horas, mentres que Lore Lavand fará o propio pola tarde con catro pases das 17.00 ás 18.30 horas.
Gran gala institucional
O auditorio Fuxan os Ventos acollerá o domingo, a partir das 19.30 horas, a gran gala institucional coa que se pecharán por todo o alto os actos programados para festexar este 25 aniversario. A gala ofrecerá ao público un viaxe visual e sonoro pola historia da Muralla, desde o seu nacemento e función defensiva ata os esforzos de conservación e recuperación do século XX, pasando polo intenso proceso que culminou no recoñecemento da UNESCO no ano 2000. O acto tamén evocará o momento no que se fixo público o ditame e como esta declaración mudou para sempre a relación da cidade coa súa fortaleza bimilenaria.
Ademais, a Orquesta Xoven Terra Nova será a encargada de conducir a banda sonora do evento cunha actuación que acompañará cada capítulo do relato, convertendo a historia do monumento en música e emoción compartida. A velada incluirá tamén testemuños dos protagonistas que acompañaron este proceso histórico: investigadores, profesionais, representantes institucionais, artistas, xornalistas e veciños que viviron en primeira liña momentos decisivos para a recuperación e posta en valor da Muralla. A noite combinará espectáculo, emoción e memoria, incorporando tamén momentos de maxia escénica que axudarán a reconstruír episodios e sensacións da súa longa historia.

