A Orquesta Xoven Terra Nova será a encargada de conducir a banda sonora do evento cunha actuación que acompañará cada capítulo do relato, convertendo a historia do monumento en música e emoción compartida.
“Lugo só puido chegar ata aquí grazas ao traballo de moitas persoas anónimas, profesionais, institucións e colectivos que puxeron o seu saber e o seu afecto ao servizo dun monumento único no mundo”, sinalou o alcalde.
Rubén Arroxo: "a consecución deste recoñecemento por parte de UNESCO é obra de todas e todos, ninguen debe tratar de patrimonializar un logro de todas as persoas que viviron, viven e vivirán a redor da Muralla de Lugo. Lembremos o pasado, celebremos o futuro".

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, presentaron hoxe a Gala Institucional coa que o Concello conmemorará o próximo domingo, 30 de novembro, o 25º aniversario da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Un acto extraordinario co que a cidade celebrará un cuarto de século no que o seu monumento máis emblemático non só alcanzou recoñecemento internacional, senón que transformou a identidade, o orgullo e o futuro de Lugo.
Durante a presentación, o alcalde destacou que esta gala “será unha homenaxe á Muralla e á Lugo, unha mirada cara atrás para lembrar como chegamos ata aquí, pero tamén unha invitación a mirar cara adiante e imaxinar o que queremos construír a partir deste legado único”. Fernández subliñou que a cidade “ten o deber de seguir protexendo e impulsando este símbolo universal, que definiu a Lugo ao longo dos séculos e que continúa a ser unha fonte de oportunidades culturais, sociais e económicas”.
A gala ofrecerá ao público un viaxe visual e sonoro pola historia da Muralla, desde o seu nacemento e función defensiva ata os esforzos de conservación e recuperación do século XX, pasando polo intenso proceso que culminou no recoñecemento da UNESCO no ano 2000. O acto tamén evocará o momento no que se fixo público o ditame e como esta declaración mudou para sempre a relación da cidade coa súa fortaleza bimilenaria.
A Orquesta Xoven Terra Nova será a encargada de conducir a banda sonora do evento cunha actuación que acompañará cada capítulo do relato, convertendo a historia do monumento en música e emoción compartida.
O Concello informa de que a entrada á este evento será completamente gratuíta, e que o acceso ao auditorio se realizará con butacas numeradas para garantir que ningunha persoa asistente quede sen sitio. Para facilitar a organización e asegurar unha asistencia ordenada, o Concello pon a disposición da cidadanía o portal municipal entradaslugo.es, desde o que se poderán retirar as invitacións de forma sinxela e anticipada.
Segundo explicou o alcalde, “non só celebramos unha efeméride, senón o compromiso colectivo que a sociedade lucense asumiu durante décadas para preservar a Muralla e transmitila ás xeracións futuras”. Fernández destacou que a cidade “só puido chegar ata aquí grazas ao traballo de moitas persoas anónimas, profesionais, institucións e colectivos que puxeron o seu saber e o seu afecto ao servizo dun monumento único no mundo”.
Rubén Arroxo destacou "a importancia de Lugo e o seu monumento superá a consecución deste recoñecemento por parte da UNESCO, as persoas que vivimos e gozamos da presenza da Muralla no noso entorno sabemos da súa transcendencia e temos a sorte de disfrutala. Fai 25 anos foi recoñecida como Patrimonio da Humanidade e a partir dese momento adquirimos a responsabilidade de coidar e potenciar o coñecemento da Muralla en todo o planeta". O Tenente Alcalde engadiu "a consecución deste recoñecemento por parte de UNESCO é obra de todas e todos, ninguen debe tratar de patrimonializar un logro de todas as persoas que viviron, viven e vivirán a redor da Muralla de Lugo. Lembremos o pasado, celebremos o futuro".
A velada incluirá ademais testemuños dos protagonistas que acompañaron este proceso histórico: investigadores, profesionais, representantes institucionais e veciños que viviron en primeira liña momentos decisivos para a recuperación e posta en valor da Muralla. A noite combinará espectáculo, emoción e memoria, incorporando tamén momentos de maxia escénica que axudarán a reconstruír episodios e sensacións da súa longa historia.
Audio
- O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre a Gala Institucional | Descargar mp3
- O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, sobre a Gala Institucional | Descargar mp3


