Rubén Arroxo e Maite Ferreiro presentan o vídeo do concerto de Fuxan os Ventos no auditorio ao que dan nome

Acompañados por integrantes da banda, os edís presentaron unha iniciativa "que nos permitirá revivir un evento histórico

Ferreiro anunciou que o Auditorio acollerá de xeito permanente unha exposición sobre a historia de Fuxan os Ventos: "É un orgullo que Lugo teña sempre na memoria a Fuxan os Ventos nun lugar tan destacado como un espazo cultural"

Venres, 19 de decembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo e Maite Ferreiro presentan o vídeo do concerto de Fuxan os Ventos no auditorio ao que dan nome

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, acompañados por Carme Vázquez, Xoán Fuertes e Pepe Vázquez, integrantes de Fuxan os Ventos, presentaron hoxe a gravación do concerto do pasado 8 de xullo, unha iniciativa que, segundo a edil de Cultura, "permitiranos lembrar un día histórico para Lugo, a volta aos escenarios de Fuxan os Ventos para inaugurar o auditorio que leva o seu nome". O vídeo poderá verse de balde a través da plataforma Vimeo e escoitarse nas principais plataformas de música dixital.

Rubén Arroxo afirmou que "poderemos volver ver e escoitar unha xornada histórica para a cidade de Lugo e para Fuxan os Ventos", e agradeceu á banda a implicación "para que este proxecto saíse adiante".

A edil de Cultura lembrou que os días 5, 7 e 8 de xuño, Lugo viviu "tres concertos de luxo" cos que Lugo desfrutou "de máis de 50 anos de historia coa música de Fuxan os Ventos". Ferreiro agradeceu á agrupación o compromoso para realizar esta serie de concertos e a edición do vídeo, e afirmou que como concelleira de Cultura traballa "para que Lugo sexa referente da música galega".

Ferreiro anunciou que a área de Cultura traballa xa para que nos vindeiros meses, o Auditorio Fuxan os Ventos acolla a exposición "Fuxan os Ventos, 50 anos de historia", unha mostra documental coa historia desta agrupación "que terá un lugar destacado no auditorio", dixo. Segundo Maite Ferreiro, "nese espazo que leva o seu nome, a veciñanza de Lugo e todas as persoas que se acheguen á actividade cultural desta instalación poderán lembrar as historias destes 50 anos, as vivencias de moitas persoas, pero tamén as 50 anos de historia do país".

Carme Vázquez, integrante de Fuxan os Ventos, destacou o seu agradecemento á Tenencia de Alcaldía e á Vicepresidencia da Deputación polo traballo para conseguir estas tres xornadas de música e a volta da exposición á cidade de Lugo, e afirmou que "quixemos facer unha gravación para que quedase como un documento desas tres actuacións que fixemos no mes de xuño, que foron para nós moi emocionantes e que nunca agradeceremos o suficiente á cidadanía de Lugo por todo o que significou para nós", e animou a todas as veciñas e veciños de Lugo a visitar a exposición cando esté instalada no Auditorio.

Pepe Vázquez destacou que nos 52 anos de historia da banda pasaron 19.223 días entre o primeiro e o último concerto no auditorio lucense, e destacou que o Concerto contou con 13 cancións cun repertorio que atravesase a historia da banda, comezando por un dos primeiros temas, o Alalá da Pena, "unha unha canción que cando empezamos a uns cantos rapaces empezamos a ir á casa diocesana e ensaiar co coro que dirixía Mato, era unha das cancións, esa e a Carolina, que formaban parte do repertorio que empezamos a ensaiar".

Fuxan os Ventos, grupo fundado en 1972, foi unha das referencias máis importantes da música tradicional galega, cunha proposta que combinou compromiso social, recuperación do patrimonio oral e unha sonoridade que marcou época. Os concertos anunciados ofrecerán un repertorio coas súas cancións máis emblemáticas, ademais dalgunha sorpresa e colaboracións especiais.

Entre o ano 1976 e o 2009 lanzaron un total de 10 álbums, Fuxan os ventos (1976), O tequeletequele (1977), Galicia canta ó neno (1978), Sementeira (1978), Quen a soubera cantar (1981), Noutrora (1984), O Mellor (1987), Sempre máis e mellor (1999), Na memoria dos tempos (2002) e Terra de soños (2009).

A agrupación chegou a ter máis de 30 integrantes, estando formada actualmente por Antón Castro á zanfona, mandolina e voz, Xosé Vázquez á percusión e voz, Pedro Lucas na gaita, frautas e voz, Xoán Fuentes Saavedra no violín, guitarra, bouzuki e voz, Moncho Díaz na guitarra, frautas e voz, ademais das voces de Carmen Vázquez, Tareixa Novo, Maruxa Fociños e Alfonso Fernández. Entre os seus antigos membros destacan Xosé Luís Rivas, Mini, e Baldomero Iglesias, Mero.

Fuxan os Ventos tivo durante toda a súa carreira un alto compromiso social, chegando a toda a sociedade galega con mensaxes comprometidas coas distintas problemáticas das galegas e galegos, apostando tamén pola lingua galega.

Audios

  • Xoán Fuertes, sobre o concerto de Fuxan os Ventos | Descargar mp3
  • Maite Ferreiro, sobre o concerto de Fuxan os Ventos | Descargar mp3
  • Rubén Arroxo, sobre o concerto de Fuxan os Ventos | Descargar mp3
  • Carme Vázquez, sobre o concerto de Fuxan os Ventos | Descargar mp3

Multimedia

  • Rubén Arroxo e Maite Ferreiro presentan o vídeo do concerto de Fuxan os Ventos no auditorio ao que dan nome
  • Rubén Arroxo e Maite Ferreiro presentan o vídeo do concerto de Fuxan os Ventos no auditorio ao que dan nome
  • Rubén Arroxo e Maite Ferreiro presentan o vídeo do concerto de Fuxan os Ventos no auditorio ao que dan nome

Noticias relacionadas