O concerto inclúese no XXXV Festival de Jazz, que nesta edición logra con esta formación francesa revivir a época dourada e render homenaxe a Nat King Cole e a Billie Holiday.
O alcalde de Lugo sinala que “decidimos o patrocinio deste grupo porque, ao igual que a Muralla, une excelencia, popularidade e calidade, ademais de compromiso social”.
Alberto Grandío, da asociación organizadora Escobijazz, destaca que “é un dos grupos que máis conecta coa xente, porque fan unha música que gusta a todo tipo de públicos”.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, acompañado do responsable da asociación organizadora do Festival de Jazz, Escobillaz, Alberto Grandío, presentaron esta mañá o concerto de March Mallow, patrocinado pola área de Alcaldía do Concello de Lugo e incluído na programación que conmemorará os 25 anos da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade. A actuación do grupo francés, o vindeiro 13 de novembro, a partir das 20.30 no Círculo das Artes, intégrase na trixésimo quinta edición do Festival de Jazz de Lugo, que comezou o pasado 1 de novembro e que rematará o próximo día 15. O alcalde de Lugo sinalou que “decidimos patrocinar este concerto como parte da programación para conmemorar os 25 anos da Muralla como Ben Mundial porque, ao igual que o noso más importante monumento, esta formación une excelencia, popularidade, calidade e compromiso social, ao render homenaxe a grandes figuras do jazz pero tamén do activismo polos dereitos civís, como foron Nat King Cole e Billie Holiday”.
Para o rexedor municipal “a distinción da Muralla pola Unesco foi un logro colectivo, polo que pensamos que este grupo francés, que revive unha época dourada do jazz e do blues de máis creatividade da historia musical, era perfecto para homenaxear á Muralla. De feito, desde que se puxeron as entradas a disposición dos e das lucenses a demanda foi altísima, polo que agardamos un gran éxito”.
Na mesma liña se pronunciou Alberto Grandío, da Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz, que organiza o festival, quen explicou que “de todos os grupos e artistas que actúan na edición deste ano, March Mallow é quizás o máis asequible para a xente, o que máis conecta e o que máis pode gustar a todo tipo de público. Conta cunha cantante de moita calidade como é Astrid Veigne e cuns instrumentistas de moitísimo nivel”.
Ademais da voz de Astrid Veigne, integran o grupo Eric Doboka, guitarra; Christian D'Asfel, piano; Thomas Plès, contrabaixo; e Thomas Leverger, ao saxo. Segundo explican desde Escobijazz, March Mallow introdúcenos de pleno nun dos períodos pertencentes aos anos 50 con maior creatividade en canto a historia estética do jazz americano”.
Entre o seu repertorio non faltarán as homenaxes aos vocalistas Nat King Cole e Billie Holiday, dous vocalistas do máis destacado da historia do jazz, pola súa calidade da obra e igualmente polo seu compromiso artístico e social. Un concerto no que a formación francesa devolve ao escenario o ambiente e a música propias dos concertos neoiorquinos nos primeiros tempos do Birdland en Manhattan e o Teatro Apollo en Harlem.
Audios
- O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre o concerto de March Mallow | Descargar mp3
- O responsable de Escobillaz, Alberto Grandío, sobre o concerto de March Mallow | Descargar mp3


