"Renovamos a nosa colaboración cun evento completamente consolidado na axenda cultural de Lugo que trae á nosa cidade unha importante selección do jazz internacional", afirmou Rubén Arroxo.
A nova edición do Festival de Jazz de Lugo terá lugar entre o 1 e o 15 de novembro e contara no cartel cunha importante seleccións de músicos procedentes de Lugo e Galiza.
Victor Wooten & The Wooten Brothers e Chucho Valdés Royal Quartet serán as dúas agrupacións que realizarán os seus concertos no Auditorio Fuxan os Ventos.

O tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a edil de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, participaron na presentación do XXXV Festival de Jazz de Lugo, que se celebrará entre o 1 e o 15 de novembro. Arroxo destacou o Festival de Jazz de Lugo como "unha actividade totalmente consolidada no calendario cultural de Lugo, celebramos este 2025 a 35ª edición dun festival que trae a Lugo a unha importante selección de músicas e músicos de jazz referentes no panorama galego, estatal e internacional".
A nova edición contará con dous concertos no Auditorio Fuxan os Ventos, co cinco veces gañador dun Grammy, Victor Wooten coa súa agrupación "Victor Wooten & The Wooten Brothers", e con Chucho Valdés, gañador de múltiples premios Grammy e considerado un dos mellores pianistas do mundo e rei indiscutible do jazz afrocubano. Os concertos serán, respectivamente, o 7 de novembro e o 11 de novembro, a partir das 20:30. As entradas para Victor Wooten poderán adquirirse a través do portal municipal de entradas, entradaslugo.es, mentres que as de Chucho Valdés poden comprarse a través de ataquilla.com.
Arroxo animou a toda a veciñanza "a desfrutar do mellor jazz nunha que volve un ano máis para continuar a ampliar a programación de calidade que organizamos desde a área de Cultura do Concello de Lugo".
Victor Wooten & The Wooten Brothers, Auditorio Fuxan os Ventos, venres 07 de novembro ás 20:30.
Os Wooten, Victor en baixo e voz, Joseph en teclados e voz, Roy en percusión e voz e Regi en guitarras e voz, foron considerados por tempo superior a catro décadas mestres da innovación e son coñecidos colectivamente como un dos grupos de irmáns máis talentosos e dinámicos que o mundo teña escoitado; desde a súa mocidade, elementos da natureza musical a redefini-los límites de jazz, funk, soul, R&B, rock e bluegrass.
Victor Wooten, en cinco ocasións gañador dun Grammy, apareceu igual número de veces na portada da revista Bass Player. Membro fundador do ecléctico grupo Bela Fleck and the Flecktones, é un dos mellores baixistas vivos do presente e, a miúdo comparado con Jaco Pastorius, integra a lista de clasificación da revista Rolling Stone dos dez mellores de tódolos tempos.
Joseph Wooten posúe unha impresionante lista de dotes, impresionante incluso para os estándares do clan Wooten. Desde 1993, é tecladista e vocalista da Steve Miller Band, cuxo artista á fronte se incluíu no Salón da Fama do Rock. Joseph tamén é compositor e arranxador nomeado para os Grammy e destacou por excepcional como vocalista desde neno. Colaborou con figuras como Whitney Houston, Kashif, Kenny G e George Clinton e, cando non está de xira con Miller, lidera a propia banda.
Roy Futureman Wooten, outro dos membros fundadores de Bela Fleck and the Flecktones e, como non, cinco veces gañador dun Grammy, é coñecido pola mestría na batería en particular e na percusión en xeral. Famoso, así mesmo, polas súas frenéticas e inimitables actuacións é aínda quen de realzalas cunha surrealista selección de instrumentos; os seus emblemáticos inventos Drumitar e RoyEl (teclado).
O estilo característico da guitarra de Regi Wooten, que definen acordes, slaps, tapping e rasgados sen freo, valeulle sona mundial e comparacións con Jimi Hendrix, Frank Zappa e Chuck Berry. Nos últimos anos, Regi tocou canda numerosos artistas incluído o lendario Ginger Baker. Coñecido mundialmente como o Mestre, na actualidade ensina música en Nashville.
Chucho Valdés Royal Quartet, Auditorio Fuxan os Ventos, martes 11 de novembro ás 20:30.
Chucho Valdés, o artista máis influente da música latina, un dos mellores pianistas do mundo e rei indiscutible do jazz afrocubano, galardoado con numerosos premios Grammy e creador de Irakere —o lendario grupo cubano que revolucionou o jazz latino—, continúa, aos seus pouco máis de oitenta anos, inventándose en cada actuación, en cada novo traballo, subxugándonos co seu impoñente virtuosismo ao piano e a súa enxeñosa combinación de ritmos afrocubanos, jazz, folclore e música clásica en melodías que desprenden optimismo e enerxía. Fillo de Bebo Valdés, colaborador de celebridades como Herbie Hancock, Dizzy Gillespie, Wynton Marsalis e Chick Corea, artífice dunha discografía inabarcable e responsable de directos refulxentes, chega ata nós á fronte do Royal Quartet, que completan José Armando Gola ao contrabaixo e baixo eléctrico, Horacio El Negro Hernández á batería e Roberto Vizcaíno Jr. á percusión. Un torrencial caudal expresivo que une imaxinariamente Santiago de Cuba con Nova Orleáns.
Audio
- O tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, sobre o XXXV Festival de Jazz de Lugo| Descargar mp3




