O Goberno propón á cooperante Ana Vila para o premio Entre Mulleres, fundadora da ONG Axunica

González Abelleira defendeu o labor de Vila Montero, así como a súa traxectoria nesta asociación, que axudou a crear os primeiros comedores infantís no rural xestionados por mulleres e aulas de prescolar en Nicaragua

Martes, 23 de febreiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, anunciou este martes a proposta do Goberno para o premio Entre Mulleres deste 2016, a cooperante lucense Ana Vila Montero, fundadora da ONG Axunica, que dende a súa creación, de forma legal no 1996, colabora principalmente co desenvolvemento económico de Nicaragua, aínda que dende o 1988 viña colaborando co pobo nicaraguano.

González Abelleira defendeu o labor de Vila Montero, que comezou en Axunica sendo relixiosa da Compañía de María, e que xunto a outras compañeiras impulsou o desenvolvemento social nas zonas campesiñas do rural do municipio nicaraguano de Granada. Vila abandonou a compañía pero non os proxectos sociais de Granada.

Neste senso, a edil fixo fincapé na traxectoria de Vila nesta asociación con sede en Lugo, que tras uns 30 anos continúa a traballar coordinadamente entre Galicia e Nicaragua, axudando no seu momento a crear os primeiros comedores infantís no rural xestionados por mulleres ou aulas de preescolar en Nicaragua. O traballo que realiza Axunica desenvólvese en catro municipios: Granada, Nandaime, Diriá e Masaya e fai referencia a proxectos de diversa natureza, que se engloban nas categorías de saúde, educación, social e infraestruturas.

Abelleira lembrou as campañas de sensibilización realizadas por esta asociación coa sociedade lucense, para dar a coñecer as desigualdades que sofre o país centroamericano, como por exemplo charlas en centros educativos ou actividades de rúa.

Os premios Entre Mulleres son concedidos polo Concello dentro dos actos dos do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller. A entidade local entrega estes galardóns, que recoñecen o traballo feito por mulleres que dalgunha maneira contribuíron á defensa da igualdade, do feminismo e dos dereitos das mulleres, para reivindicar a igualdade de dereitos entre xéneros. 

Audio

  • Ana González Abelleira, sobre o labor de Vila Montero |Descargar mp3

Noticias relacionadas