O goberno de Lara Méndez activa o Plan Vive, onde un equipo de 30 consultores asesorará a pemes e autónomos

A rexedora avanzou que é unha oportunidade para que os empresarios reciban apoio para a detección das súas necesidades e a consecución de financiamento

A iniciativa se enmarca na estratexia posta en marcha polo Concello coa integración de Lugo na rede de cidades atractivas para o investimento, Invest in Cities 2020

Os interesados poderán inscribirse a través da web do Concello de Lugo, na ligazón https://lugo.planvive.com

Martes, 29 de setembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O goberno de Lara Méndez activa o Plan Vive, onde un equipo de 30 consultores asesorará a pemes e autónomos

O Executivo de Lara Méndez activa o Plan Vive, iniciativa encamiñada a facilitarlle asesoramento e información ás pequenas e medianas empresas e aos autónomos de Lugo para que poidan afrontar os retos que teñen por diante neste momento de especiais dificultades.

A través de este plan, de maneira gratuíta, un equipo de 30 consultores desenvolverá coas empresas inscritas un traballo conxunto para a detección de necesidades e de análise dos seus estados financeiros. Ademais, ofrecerá asesoramento para a consecución de financiamento público (subvencións e axudas) e axuda para conseguir financiamento privado, e elaborará un informe personalizado con solucións para a situación específica de cada peme.

A alcaldesa de Lugo incide “na importancia de ofrecer apoio permanente aos distintos sectores produtivos da cidade co fin de que poidan afrontar con maior fortaleza a crise desencadeada pola pandemia evitando así, na medida do posible, o cesamento definitivo da súa actividade”.

O acceso ao servizo está operativo a través dun banner situado na páxina web do Concello ou a través da seguinte ligazón  https://lugo.planvive.com.

O Plan Vive enmárcase na estratexia posta en marcha por Lara Méndez para atraer financiamento ao municipio a través da súa integración na rede de cidades atractivas para o investimento, Invest in Cities 2020. Trátase da maior iniciativa de atracción de investimento a cidades medias españolas, que se conforma como un gran escaparate para que os municipios presenten as súas vantaxes competitivas e os seus proxectos públicos e privados co fin de atraer financiación aos seus territorios.

Ademais, Lugo está preparando unha plataforma web especifica, con información sobre as súas vantaxes competitivas, que axudarán a difusión das iniciativas tanto públicas como privadas.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Plan Vive | Descargar mp3

Noticias relacionadas