O Goberno avanza na creación dunha nova escola infantil pública en Lugo con 82 prazas

Tras aprobar a cesión dos terreos precisos, na zona das Termas, leva ao Pleno do xoves a aprobación do convenio a tres bandas que fará posible a gardería, entre Concello, Fundación Amancio Ortega e Consorcio de Igualdade e Benestar

Martes, 28 de marzo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Tras aprobar a cesión dos terreos para construír una nova escola infantil en Lugo con 82 prazas, na zona das Termas, o Goberno local dá un paso máis levando ao Pleno ordinario deste xoves a aprobación do convenio de colaboración a tres bandas entre o Concello, a Fundación Amancio Ortega (FAO) e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que permitirá a construción e xestión da gardería. Así o anunciou o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, quen explicou que o acordo a subscribir establece que o Concello pon os terreos a disposición do Consorcio e pasa a integrarse neste ente autonómico, a Fundación Amancio Ortega  ocuparase da redacción do proxecto, a construcción das instalacións e o equipamento e dotación inicial de mobiliario e material didáctico, e o Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar ocuparase da súa posta en funcionamento e xestión, formando parte da súa rede pública de centros.

Segundo o convenio, o prazo máximo para o inicio da obra de construción, unha vez posto o terreo a disposición da FAO, é de seis meses dende a obtención dos permisos ou licenzas necesarias para elo, non podendo transcorrer máis de doce meses dende a data de inicio ata a súa finalización. Para o seguimento e avaliación do convenio crearase unha comisión mixta que estará integrada por un representante do Consorcio, dous da FAO e un do Concello, e que se reunirá cando así o solicite algunha das partes e, cando menos, cunha periodicidade semestral.

Para o Goberno local, a escola infantil das Gándaras promovida pola Fundación Amancio Ortega é un proxecto prioritario e necesario para a cidade, dada a ampla demanda de prazas de gardería. Na actualidade, existen 4 escolas municipais que ofrecen 238 prazas e 2 centros de titularidade autonómica, nos que máis de 270 nenos e nenas figuran en lista de espera.

Os terreos que o Concello puxo a disposición a través dunha mutación demanial subxectiva teñen unha superficie de 3.800 metros cadrados, nunha parcela de 6.032 metros, cualificada como Equipamento Comunitario no PXOM. Dito terreo contará cun fronte de 76 metros que dá a unha rúa de nova apertura, paralela á Avenida Paulo Fabio Máximo, e un fondo de 50 metros.

Esta mutación subxectiva, é dicir, cambiar a titularidade dun ben sen modificar o seu destino público, terá unha duración de 25 anos, prorrogables outros 25. Unha vez transcorrido o prazo previsto para a mutación demanial do terreo a favor do Consorcio, producirase a reversión gratuíta de todo o construído no mesmo, debendo manterse o uso do inmoble, cando menos por un período de 50 anos.

Audios

  • Daniel Piñeiro sobre convenio para nova escola infantil | Descargar mp3

Noticias relacionadas