A maior parte dos restos foron retirados da contorna do recinto feiral, das zonas nas que se celebraron eventos, dos principais puntos de ocio nocturno e das zonas verdes.
A cantidade de residuos recollida o día de San Froilán aumentou significativamente, chegando a 198.940 quilos, fronte aos 171.040 quilos do ano pasado e os 164.540 de 2022, o que reflicte unha maior afluencia de público ao coincidir a celebración co fin de semana.
"Estamos moi satisfeitos coa efectividade que demostrou o dispositivo, que permitiu manter a cidade limpa e minimizou o impacto para a veciñanza grazas a un labor intensivo nas zonas máis concorridas", sinalou o edil Miguel Fernández.

A Área de Transición Ecolóxica do Concello de Lugo, a través do dispositivo especial de limpeza de San Froilán, retirou un total de 290.460 quilos de residuos desde o comezo das festas na tarde do día 4 ata a madrugada do día 7. Esta cifra reflicte o importante esforzo levado a cabo na operativa, tal e como subliñou o edil Miguel Fernández: "Estamos moi satisfeitos coa efectividade que demostrou o dispositivo, que permitiu manter a cidade limpa e minimizou o impacto para a veciñanza grazas a un labor intensivo nas zonas máis concorridas."
O día de San Froilán, en concreto, experimentouse un aumento significativo na cantidade de residuos recollidos en comparación cos anos anteriores. Este ano retiráronse 198.940 quilos de residuos, fronte aos 171.040 quilos recollidos en 2023 e os 164.540 de 2022, o que supón un aumento do 17% respecto ao ano pasado.
Este aumento está estreitamente ligado á coincidencia da celebración do día do patrón coa fin de semana e á maior afluencia de público que se achegou aos eventos organizados en diferentes zonas da cidade. "O reforzo das brigadas de limpeza e o traballo intensivo a partir das seis da mañá foron fundamentais para garantir que a cidade se mantivese nas mellores condicións posibles cada día," sinalou Miguel Fernández.
Durante estas xornadas, o dispositivo centrou os seus esforzos non só no recinto feiral e as áreas tradicionais de maior afluencia, como a Praza Maior, Praza de Santa María e a Horta do Seminario, senón tamén en barrios como Sagrado Corazón e As Gándaras, así como nas zonas verdes, reforzando a cobertura para ofrecer un servizo áxil e eficiente.
Dispositivo especial e reforzo de medios
O operativo especial de limpeza para o San Froilán conta cun despregue significativo de medios técnicos e humanos. Entre os recursos empregados destacan as barredoras de aceras 100% eléctricas, camións cisterna de rego e baldeo, e camións tipo satélite para a recollida de residuos xerados nas zonas de maior afluencia. Ademais, instaláronse contedores co sistema VACRI nas casetas do polbo e nas áreas de botellón, permitindo unha recollida eficiente de vidro e facilitando un baleirado máis seguro e áxil.
O reforzo das brigadas de limpeza, a coordinación dos mandos intermedios e as tarefas a primeira hora da mañá foron elementos clave para garantir que as zonas máis concorridas da cidade se mantivesen limpas e en óptimas condicións para o desenvolvemento das actividades diarias.


