O Concello xa dispón dende hai dous anos dunha App que permite aos lucenses comunicar incidencias

O Goberno recomenda a Lugonovo que “antes de facer propostas á lixeira se documente sobre os servizos e recursos cos que conta a Administración local”

A maiores da aplicación móbil, o Concello dispón doutras canles eficaces de comunicación coa cidadanía, como o servizo 010, así como o Buzón Cidadán e mesmo un servizo de consultas para persoas xordas, ambas na páxina web

Venres, 18 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo informa de que xa existe dende hai dous anos unha aplicación para dispositivos móbiles (App) que permite aos lucenses comunicar calquera tipo de incidencia no equipamento urbano. Deste xeito, o Goberno solicita ao grupo municipal de Lugonovo que, “antes de facer propostas á lixeira, agradeceríamos se documentase sobre os servizos e recursos cos que conta a Administración local”, subliñou o Concelleiro de Concello e Cidadanía, Juan Carlos González Santín.

O Concello puxo en marcha a App que permite aos lucenses comunicar incidencias o pasado 2013 a través do servizo Liña Verde. De feito, dende a súa posta en marcha, e tal e como xa informou a entidade local, os veciños e veciñas de Lugo deron conta dunhas 180 incidencias no equipamento, das que preto do 70% foron resoltas, “o que dá boa conta da eficacia desta ferramenta”, indicou Santí.

A maiores desta aplicación móbil, o Concello, explicou o edil, “vai moito máis alá”, pois dispón doutras moitas canles eficaces de comunicación coa cidadanía, a través das que poden comunicar calquera incidencia, avaría ou deficiencia que detecten na cidade. Trátase do servizo de información cidadana 010, ao que poden dirixirse por teléfono ou correo electrónico, o Buzón Cidadán e mesmo un servizo de consultas para persoas xordas, ambos dispoñibles na páxina web do Concello (lugo.gal). Tamén o poden facer presencialmente, na oficina de atención cidadá que funciona no Edificio Administrativo.

Noticias relacionadas