O Concello de Lugo continuará gradualmente coa rehabilitación deste mobiliario público noutros barrios. De feito acaba de comezar o arranxo doutros 59 na Fonte dos Ranchos.
O alcalde sinala que “estas actuacións demostran o compromiso do Goberno Local por mellorar a calidade de vida da veciñanza, para que atope nestas contornas un espacio coidado de ocio, descanso e socialización”.
A brigada de Parques e Xardíns xunto á concesionaria do mantemento dos máis de 1,3 millóns de metros cadrados de zonas verdes de Lugo ocúpanse destes traballos.

A área de Transición Ecolóxica do Concello de Lugo, está a restaurar os bancos das distintas zonas verdes da cidade, gracias ao traballo que desenvolven tanto a brigada municipal de Parques e Xardíns como a empresa concesionaria do mantemento dos máis de 1,3 millóns de metros cadrados de zonas verdes de Lugo. De feito, en algo menos dun mes se recuperaron 81 bancos dos parques da Piringalla, Gallego Tato e Viana do Castelo, mentres que na actualidade estanse a arranxar outros 59 bancos nas proximidades da Fonte dos Ranchos.
Así o deu a coñecer hoxe o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, quen sinalou que estas actuacións demostran “o firme compromiso do Goberno Local para ter a punto estas zonas verdes da cidade. Queremos mellorar a calidade de vida da veciñanza, para que atope nestas contornas un espacio coidado de ocio, descanso e socialización”. Lograr estes obxectivos, matizou o rexedor lucense, “pasa por manter a punto as máis de oitenta áreas recreativas que hai diseminadas polos distintos barrios da cidade. Por iso estamos levando a cabo estas actuacións, que xa se remataron na Piringalla e en zonas de ocio próximas, e que na actualidade están a realizar na contorna da Fonte dos Ranchos”.
En concreto os traballos que desenvolve a citada brigada consisten na reparación de partes danadas dos bancos, así como na aplicación dun tratamento de pintura especial neste mobiliario urbano situado fronte á fonte cibernética, así como xunto ao parque infantil, os xardíns de Simón Bolívar e o resto de zonas axardinadas deste barrio.
Unha vez conclúan os traballos de arranxo e recuperación deste mobiliario público na contorna da Fonte dos Ranchos, estas intervencións continuarán gradualmente por outros espacios de ocio e áreas recreativas da cidade, ata completar a posta en valor dos bancos de todas as zonas verdes da cidade.
O Alcalde de Lugo fixo fincapé en que “hai anos, este Goberno Local, xa fixo unha aposta clara polo mantemento dos máis de 1,3 metros cadrados de zonas verdes da cidade, uns espacios que nos últimos anos se duplicaron e que creo que son un dos sinais de identidade de Lugo. Por iso, ás labores de protección, limpeza, conservación e mellora destas áreas unimos agora a recuperación e posta a punto deste mobiliario urbano, como complemento a estas actuacións”.
Hai que lembrar que as zonas verdes da cidade de Lugo se duplicaron nos últimos anos, superando eses máis de 1,3 millóns de metros cadrados e con esas 84 áreas recreativas, nun contrato que abrangue a conservación, limpeza e mellora destas zonas axardinadas, así como a protección dos elementos botánicos e do propio mobiliario, segundo criterios sostibles e ecolóxicos, “propios do modelo de cidade que estamos a implantar e co que nos comprometemos hai anos para primar os parámetros de sostibilidade e calidade ambiental”, explica Miguel Fernández.



