O dispositivo de limpeza municipal recolleu máis de mil toneladas de residuos nas dez xornadas do San Froilán

 O alcalde salienta “o importante esforzo do servizo, tanto en medio humanos como técnicos, para que tanto veciños como visitantes atoparan un Lugo coidado e limpo”.

O balance semella ao do ano pasado, no que se recolleron 115.000 quilogramos máis nos once días das patronais, cun operativo máis reforzado e que actuou desde a madrugada.

Miguel Fernández cre que “nótanse as campañas de concienciación postas en marcha polo Concello”, pero “aínda é necesario corrixir certos comportamentos incívicos”.

Mércores, 15 de outubro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O dispositivo de limpeza municipal recolleu máis de mil toneladas de residuos nas dez xornadas do San Froilán

O dispositivo especial de limpeza e recollida de residuos para as festas de San Froilán recolleu durante as dez xornadas do San Froilán máis de mil toneladas de lixo, uns números que practicamente se sitúan na mesma liña que o ano pasado, cando cunha xornada máis no cómputo global das patronais, se chegaron a recoller 115.000 quilos máis. O alcalde salienta a este respecto que “desde os servizos municipais de limpeza se fixo un moi importante esforzo para reforzar estes operativos en medios técnicos e humanos, para que tanto a veciñanza como os visitantes atoparan unha cidade limpa e coidada”.

Ademais, o rexedor municipal considera que “as distintas campañas de concienciación levadas a cabo desde o Concello están a ter unha repercusión moi positiva, aínda que é certo que temos que seguir traballando para corrixir certos comportamentos incívicos, para o que tamén se reforzou o operativo da Policía Local encargado de sancionar este tipo de delictos na vía pública”. En xeral, Miguel Fernández, cre que “o comportamento da cidadanía en Lugo é un bo exemplo a seguir, e máis aínda durante as festas, por eso creo que hai que felicitar á veciñanza por contribuír ao coidado da nosa cidade”.

O total de residuos recollidos durante os dez días de festexos ascendeu a 1.043 toneladas, fronte ás 1.115 do ano pasado cando as festas se prolongaron durante unha xornada máis. Mentres, durante as fins de semana, do sábado 4 ao luns 6, este dispositivo especial recolleu un total de 300.300 quilos, fronte aos 328.800 da anterior edición das patronais. Na segunda fin de semana das festas deste ano, as cifras de lixo xerado ascenden a 312.040 quilos, fronte aos 323.960 da anterior edición.   

O alcalde de Lugo incidiu en que “o Goberno Local fixo un importante esforzo para reforzar o servizo de limpeza, con máis de 40 operarios e 17 máquinas, para que tanto a veciñanza como as e os visitantes atoparan unha cidade coidada e limpa, preparada para retomar a actividade diaria en todas as xornadas das patronais”.

Miguel Fernández tamén lembrou que o traballo xa se iniciou en días previos aos festexos cando se acometeron tarefas intensivas de roza, baldeo, eliminación de grafitis e fregado nas rúas e prazas da cidade, así como nos espacios que acolleron os principais actos festivos.

Unha das intervencións que permitiu manter unha cidade limpa durante as patronais foi a substitución dos contedores de carga lateral por outros de carga traseira en determinadas zonas do recinto feiral, así como a instalación de contedores de vidro con sistema de volteo, por exemplo, preto das casetas do polbo.

Os servizos de limpeza viaria se reforzaron nas xornadas de máis afluencia, coincidindo coas dúas fins de semana, con ata 17 vehículos e máis de 40 persoas traballando en tarefas de limpeza, 12 delas nas vías principais, e en determinadas datas desde as 06.00 da mañá para que as rúas e prazas estiveran en bo estado ao comezar cada xornada.

Ademais, a recollida de residuos na zona centro reforzouse deixando de maneira permanente, desde o día 4 ao 13, os contedores de “quita e pon”, os cales tamén se incrementaron en número, ao igual que os contedores de vidro nas zonas con maior incremento de xeración deste tipo de residuos, como no recinto feiral e nas zonas de concertos.

Multimedia

  • O dispositivo de limpeza municipal recolleu máis de mil toneladas de residuos nas dez xornadas do San Froilán
  • O dispositivo de limpeza municipal recolleu máis de mil toneladas de residuos nas dez xornadas do San Froilán
  • O dispositivo de limpeza municipal recolleu máis de mil toneladas de residuos nas dez xornadas do San Froilán
  • O dispositivo de limpeza municipal recolleu máis de mil toneladas de residuos nas dez xornadas do San Froilán

Noticias relacionadas