O Concello de Lugo culmina o proceso para legalizar e ampliar as instalacións da Protectora de Animais coa concesión da licenza urbanística

O Goberno local aproba a licenza definitiva para a reforma integral da Protectora e insta á Xunta a pechar o convenio de financiamento conxunto co Concello e a Deputación.

A Xunta de Goberno Local adxudica ao CD Lugo o uso do campo municipal José Carballido Cerceda, reforzando a colaboración co club e o apoio ao deporte lucense.

O Concello continúa coa revisión de licenzas antigas e declara a caducidade dun permiso de 1992 para un edificio sen rematar na rúa Serra de Meira.

Martes, 14 de outubro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo culmina o proceso para legalizar e ampliar as instalacións da Protectora de Animais coa concesión da licenza urbanística

O Concello de Lugo culminará o proceso administrativo necesario para legalizar e ampliar as instalacións da Sociedade Protectora de Animais e Plantas coa concesión definitiva da licenza urbanística, que se aprobará mañá na Xunta de Goberno Local. A resolución supón o paso definitivo para que poida executarse unha actuación valorada en máis de 517.000 euros, tras obter todos os informes técnicos favorables e cumprir coas esixencias legais e ambientais.

O proxecto permitirá dotar ás instalacións de Muxa de novas dependencias, entre elas un edificio de recepción e clínica veterinaria, unha residencia e zona de cuarentena para gatos, un parque de caniles sectorizado, melloras en áreas de servizo e almacenaxe, aparcamentos e paneis solares. O prazo de execución previsto é de 36 meses, con fases que garantirán o mantemento da actividade durante as obras.

O voceira do Grupo Municipal Socialista, Ana Fernández Abelleira, destacou que “por fin despois de moito tempo e grazas á mediación municipal existe un proxecto viable, solvente e con respaldo técnico; só falta a vontade política para facelo realidade. Lugo e o benestar animal merecen ese compromiso conxunto ao marxe das liortas políticas”.

González Abelleira lembrou que o Concello “xa fixo os deberes, dispoñemos da consignación orzamentaria necesaria e acompañamos á Protectora en todo o proceso técnico”. O rexedor insistiu na importancia de que a Xunta de Galicia “peche canto antes o convenio de financiamento, como xa fixo a Deputación Provincial, para que Lugo poida contar cun espazo moderno e eficiente para o coidado dos animais”.

O Goberno local reitera así o seu compromiso cunha entidade que leva décadas atendendo animais abandonados e á que o Concello destinou máis dun millón de euros nos últimos cinco anos. “Este proxecto é unha mostra do noso compromiso co benestar animal e coa colaboración institucional en positivo”, subliñou a voceira.

O Concello reforza o apoio ao deporte lucense co acordo co CD Lugo

A Xunta de Goberno Local aprobará tamén a adxudicación da concesión do campo municipal José Carballido Cerceda ao CD Lugo SAD, que poderá empregalo para adestramentos e outras actividades deportivas. O acordo, cunha vixencia inicial de dous anos prorrogables ata dez, permitirá ao club contar cun espazo complementario ao Anxo Carro para o desenvolvemento da súa actividade diaria.

O convenio inclúe a obriga do club de asumir o mantemento ordinario das instalacións e dispoñer dun seguro de responsabilidade civil. Con esta decisión, o Concello de Lugo reforza a súa colaboración cun dos principais referentes deportivos da cidade e promove un uso eficiente e responsable das instalacións municipais, poñéndoas ao servizo do deporte local e da cidadanía.

Revisión urbanística e orde no desenvolvemento da cidade

Por outra banda, o executivo local acordará a declaración de caducidade dunha licenza urbanística concedida en 1992 para a construción dun edificio na rúa Serra de Meira que permanece sen rematar. A resolución afecta a unha das dúas edificacións autorizadas naquel momento e pon fin a unha licenza que incumpría os prazos de execución previstos.

O Goberno local continúa así co labor de revisión e actualización dos expedientes urbanísticos antigos para garantir o cumprimento da normativa e evitar situacións de abandono ou inseguridade xurídica. Con esta medida, o Concello reafirma a súa aposta por un urbanismo responsable e ordenado, ao servizo do interese xeral e da mellora do entorno urbano.

Noticias relacionadas