O Concello de Lugo, única administración local e provincial de Galicia elixida para acoller un Centro Europe Direct no período 2026-2030

A Comisión Europea outorgou ao Concello un dos dous únicos centros permitidos en Galicia, demostrando a fortaleza técnica da candidatura e a capacidade de xestión nun procedemento con criterios estritos e avaliación independente.

A cidade convértese na única entidade municipal ou deputación de Galicia con este servizo, xunto coa Fundación Galicia Europa, o que reforza o papel institucional de Lugo como referente autonómico no achegamento da Unión Europea á cidadanía.

A candidatura recibiu a aprobación incluíndo un plan de actuacións e un plan de comunicación sólido e ambicioso que confirma a reputación do departamento de Desenvolvemento Local como un dos máis solventes do país en materia europea.

Mércores, 26 de novembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo, única administración local e provincial de Galicia elixida para acoller un Centro Europe Direct no período 2026-2030

O Concello de Lugo vén de ser seleccionado pola Comisión Europea para acoller un dos Centros Europe Direct do período 2026-2030, converténdose así na única administración local e a única deputación ou concello de toda Galicia en obter este recoñecemento, tras un proceso altamente competitivo no que se presentaron 61 candidaturas de todo o Estado e no que só 37 foron finalmente elixidas.

 A Comisión Europea establecía un límite máximo de dous centros para a nosa comunidade autónoma e Galicia esgotou ese límite coa selección do Concello de Lugo e da Fundación Galicia Europa, un ente instrumental do sector público autonómico dependente da Xunta de Galicia e doutras institucións. Deste xeito, Lugo consolidase como a única administración local ou provincial galega que contará cun Centro Europe Direct no novo ciclo, reforzando a súa posición como referente na interlocución cidadá coa Unión Europea e na divulgación das súas políticas.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, subliñou a importancia deste recoñecemento europeo e destacou que “se trata dun logro extraordinario para Lugo, que confirma o rigor e a solvencia coa que este Concello leva anos traballando en proxectos europeos”. O rexedor engadiu que “a Comisión Europea volve confiar en Lugo porque estamos a demostrar unha capacidade de xestión seria, transparente e altamente profesional. Contar cun Centro Europe Direct non é só un recoñecemento institucional: é unha oportunidade enorme para seguir abrindo portas, atraer programas e situar a cidade no mapa europeo da innovación, da participación e do coñecemento”.

O Centro Europe Direct Lugo permitirá desenvolver durante o período 2026-2030 un amplo programa de información, comunicación e participación sobre a Unión Europea, achegando á cidadanía recursos, actividades e atención directa en temas relacionados cos dereitos europeos, programas e oportunidades de mobilidade, educación, emprego e voluntariado. O servizo ofrecerá accións en centros educativos, encontros con entidades sociais e profesionais, actividades de divulgación pública, campañas informativas, colaboración con outras redes europeas e un plan de comunicación específico con iniciativas presenciais e dixitais. Ademais, permitirá impulsar experiencias de educación cidadá europea, dinamizar a participación xuvenil en Erasmus+, CEAS e outros programas, así como fomentar a comprensión das institucións e da toma de decisións europeas.

Pola súa banda, o edil de Dinamización Económica, Maurio Repetto,  quixo felicitar ao departamento de Desenvolvemento Local, responsable da candidatura, asegurando que “o traballo impecable do equipo técnico volveu demostrar unha reputación intachable na xestión de fondos europeos e na captación de servizos valiosísimos para a cidade”.

Con esta designación, Lugo dá un novo paso na súa proxección internacional e consolida un modelo de cidade conectado con Europa, con capacidade para atraer recursos, impulsar proxectos estratéxicos e promover un desenvolvemento sostible, participativo e baseado no coñecemento. O Concello iniciará agora os traballos de planificación detallada do novo Centro Europe Direct para garantir que este servizo se converta nunha ferramenta útil, accesible e próxima a toda a cidadanía lucense durante os próximos cinco anos.

Noticias relacionadas