O CEI-NODUS reforza o ecosistema emprendedor lucense coa incorporación de oito novos proxectos que amosan o talento e a diversidade da cidade

O Vivero de Empresas municipal acolleu nos últimos meses oito iniciativas que consolidan a presenza de novos emprendedores e emprendedoras en Lugo.

As propostas abranguen ámbitos tan diversos como a creatividade, a tecnoloxía, a alimentación, a saúde, o turismo e a moda sostible.

O concelleiro de Dinamización Económica e Relacións Institucionais, Mauricio Repetto, subliña que “o CEI-NODUS non é só unha infraestrutura, senón unha comunidade que axuda a transformar ideas en proxectos reais e proxectos en oportunidades de futuro”.

Luns, 13 de outubro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O CEI-NODUS reforza o ecosistema emprendedor lucense coa incorporación de oito novos proxectos que amosan o talento e a diversidade da cidade

 O Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo (CEI-NODUS) continúa a ser o punto de encontro do talento e da creatividade lucense. Nos últimos meses, o Vivero de Empresas municipal sumou oito novos proxectos emprendedores, que representan a diversidade e a vitalidade do ecosistema económico da cidade.

Baixo o paraugas da Área de Dinamización Económica e Relacións Institucionais, o CEI-NODUS consolídase como un espazo de impulso e acompañamento para quen decide emprender desde Lugo, con propostas que abarcan desde o ámbito tecnolóxico ata o creativo, pasando pola saúde, a alimentación, o turismo e o deseño sostible.

O concelleiro Mauricio Repetto destacou que esta nova etapa “confirma o papel do CEI-NODUS como motor de desenvolvemento económico e xerador de oportunidades. Cada proxecto que se incorpora trae consigo ilusión, talento e un compromiso real coa cidade, e o noso labor é acompañalos para que esa enerxía se transforme en resultados, en emprego e en impacto positivo para Lugo”.

Proxectos con identidade e impacto local

Entre as novas incorporacións atópase Ruxe Branding, especializado en identidade visual e estratexia de marca. O equipo, formado por profesionais do deseño e da comunicación, axuda a empresas e emprendedores a construír marcas sólidas e recoñecibles, combinando creatividade e visión estratéxica. Para Repetto, “é un proxecto que demostra como o talento creativo pode estar ao servizo do tecido empresarial lucense, aportando profesionalidade e valor engadido ás pequenas e medianas empresas”.

Tamén se sumou La Mariquita de Azúcar, un obrador familiar liderado por Isabel Rodríguez, que aposta pola elaboración de mermeladas artesás con ingredientes premium e receitas innovadoras. A emprendedora busca recuperar a esencia da tradición galega con combinacións de sabor e un coidado deseño de produto. “La Mariquita de Azúcar fala de Lugo a través do sabor e da calidade; é unha mostra de como a tradición pode reinventarse sen perder autenticidade”, sinalou Repetto.

O artista Daniel Casal, coñecido como Dani Hace Fotos, escolleu Lugo para consolidar a súa carreira multidisciplinar. O seu traballo combina fotografía analóxica, arte visual e dinamización cultural, con proxectos que unen creatividade, participación e comunidade. Segundo explicou o edil, “Daniel representa esa nova xeración de creadores que entenden a cultura como motor de cohesión social e de orgullo de pertenza, e é unha alegría que decidira facer de Lugo a súa base profesional”.

Outro dos proxectos en marcha é o de Marcos Vila, que ultima o lanzamento dunha tarta gourmet que aspira a converterse en símbolo da cidade. A súa proposta, de inspiración local, combina tradición e sofisticación cunha elaboración artesanal que busca levar o nome de Lugo a novos mercados. “É un proxecto moi emocional, nacido da paixón e do arraigo. Marcos é deses emprendedores que fan do produto un relato, e iso ten un valor incalculable”, engadiu o concelleiro.

No ámbito tecnolóxico, SlacCode, impulsada por Cristian Piedrahita, vén de lanzar HubFlow, unha ferramenta dixital deseñada para simplificar a xestión diaria de profesionais autónomos e pequenas empresas. A súa proposta combina accesibilidade, innovación e eficiencia. Repetto destacou que “SlacCode é a proba de que desde Lugo tamén se pode crear tecnoloxía punteira, pensada para mellorar a vida das persoas e facer máis competitivo o tecido produtivo local”.

No sector turístico, Andrea Cachafeiro lidera Nuna, unha startup que busca ofrecer aos hoteis unha alternativa real ás grandes plataformas de reservas online, devolvéndolles o control sobre as súas vendas e a relación directa cos hóspedes. “Andrea está a construír unha ferramenta que non só moderniza o sector, senón que o fai máis humano e sostible, devolvéndolle o protagonismo ao propio hotel”, explicou Repetto.

A deseñadora Estrella Patiño, creadora da marca yita patiño, tamén forma parte das novas incorporacións. A súa proposta de moda sostible transforma materiais en desuso en pezas exclusivas, combinando innovación, memoria e responsabilidade ambiental. “É un proxecto con moita alma, que conecta tradición e futuro, e que encaixa á perfección co espírito do CEI-NODUS: crear sen esquecer de onde vimos”, afirmou o edil.

Finalmente, Héctor Gayoso, fisioterapeuta con enfoque comunitario, traballa nun modelo de atención centrado na prevención, o benestar e a educación en saúde. A súa idea é crear un espazo de fisioterapia que funcione tamén como lugar de encontro e aprendizaxe para a veciñanza. “Héctor aporta unha visión moi necesaria: a de coidar o corpo e a mente desde a proximidade e o compromiso social”, apuntou Repetto.

Un ecosistema que non deixa de medrar

O concelleiro de Dinamización Económica e Relacións Institucionais subliñou que este crecemento “é reflexo do dinamismo que está a vivir Lugo, cunha nova xeración de persoas emprendedoras que teñen unha mirada global pero raíces moi locais. Aquí non só se crean empresas, créanse historias que inspiran e que xeran comunidade”.

As novas incorporacións coinciden con outras accións promovidas polo Concello no ámbito do emprendemento, como o inicio da aceleradora Turistalent 5.0 e a celebración do encontro NODE Hub Galicia, que tivo lugar recentemente no Salón de Actos do CEI-NODUS.

Repetto sinalou que “o obxectivo é que cada proxecto que pase polo CEI-NODUS atope o acompañamento, a rede e as ferramentas necesarias para crecer. Lugo ten talento, e o que estamos a facer é darlle espazo, confianza e futuro”.

O Concello de Lugo reafirma así o seu compromiso cun modelo de desenvolvemento local baseado no talento, a cooperación e a economía creativa, facendo do CEI-NODUS un referente de innovación e emprendemento no noroeste peninsular.

Audio

  • O concelleiro de Dinamización Económica e Relacións Institucionais, Mauricio Repetto, sobre o CEI-NODUS | Descargar mp3

Noticias relacionadas