A iniciativa busca promocionar o comercio local e fomentar a creatividade de forma educativa.
López: "Continuamos a colaborar con iniciativas que promocionen o comercio local e de proximidade".

A concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, visitou a Feira de Emprendemento Infantil celebrada hoxe na Praza de Abastos e que contou con 60 nenos e nenas de Lugo de 8 a 12 anos que presentaron os seus proxectos á veciñanza. A iniciativa busca dar a coñecer os valores do comercio local e fomentar a creatividade e o espírito emprendedor dunha maneira divertida e educativa en nenos e nenas de idades moi temperás.
O proxecto, que ten compoñentes educativos e lúdicos, iniciouse no mes de setembro, dando a coñecer a iniciativa e explicando ás familias que se pretendía coa iniciativa. Durante os últimos meses, as nenas e nenos participantes aprenderon conceptos sobre Comercio Local e sobre Emprendemento, tales como o valor do diñeiro, o aforro, que é unha necesidade e un desexo, empresas de servizo e de produto, plan de empresa, o banco, o crédito, finanzas, impostos, etc.
O proxecto finaliza con esta mostra aberta onde 25 empresas ficticias creadas polas nenas e nenos participantes presentaron o produto que veñen elaborando dende hai semanas coa axuda das súas familias.



