Miguel Fernández reorganiza a estrutura do seu goberno tras a incorporación de María Reigosa co obxectivo de consolidar a terceira gran transformación do municipio

O alcalde aposta pola continuidade e a estabilidade do executivo, introducindo axustes para reforzar a eficacia e adaptar as responsabilidades ao perfil técnico de cada concelleiro.

A área de Cohesión Territorial dependerá da Alcaldía, con delegación na nova concelleira María Reigosa.

O novo decreto tamén implica a división da anterior Área de Xestión Integral de Recursos Internos, Urbanismo, Deportes e Xuventude, que se configura agora en dúas áreas diferenciadas xestionadas por Jorge Bustos e Ana González Abelleira.

Martes, 04 de novembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Miguel Fernández reorganiza a estrutura do seu goberno tras a incorporación de María Reigosa co obxectivo de consolidar a terceira gran transformación do municipio

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, asinou hoxe o novo decreto de reorganización do goberno local, motivado pola incorporación da concelleira María Reigosa Castro ao grupo municipal socialista en substitución do falecido edil Pablo Pemuy. A reestruturación responde a unha liña continuista, mantendo o esquema de funcionamento que o executivo vén aplicando con éxito desde o pasado mes de marzo, cando Fernández asumiu o cargo. O obxectivo é reforzar a coordinación e a eficacia nas distintas áreas, adaptando as responsabilidades ao perfil técnico e á experiencia de cada concelleiro.

Así, na nova estrutura, a área de Cohesión Territorial pasa a depender directamente da Alcaldía, aínda que o rexedor delegará a súa xestión na concelleira María Reigosa, quen se encargará de responsabilidades como a conservación e mellora das vías públicas e infraestruturas no rural, así como da dinamización sociocultural e atención ás necesidades da zona rural, facendo especial fincapé na dinamización das 54 parroquias.

O novo decreto tamén implica a división da anterior Área de Xestión Integral de Recursos Internos, Urbanismo, Deportes e Xuventude, dirixida ata o seu falecemento por Pablo Permuy, que se configura agora en dúas áreas diferenciadas: Área de Xestión Integral de Recursos Internos, dirixida por Ana González Abelleira, que asume contratación, persoal, facenda e xestión económica e a Área de Urbanismo, Deportes e Xuventude, coordinada por Jorge Bustos, que continuará á fronte das políticas urbanísticas, deportivas e xuvenís do Concello.

O alcalde subliñou que esta reorganización “pretende optimizar o funcionamento interno do Concello e consolidar un equipo de goberno sólido, estable e comprometido coa cidade”. Miguel Fernández destacou así mesmo que o seu equipo de goberno “está demostrando unha xestión eficaz e responsable, que nos permite avanzar con paso firme na terceira gran transformación que vive Lugo, un proceso de modernización urbana, económica e social que sitúa á nosa cidade como referente en Galicia en planificación, sostibilidade e calidade de vida”.

O alcalde confirmou tamén a continuidade de Mauricio Repetto á fronte da Área de Dinamización Económica e Relacións Institucionais, un departamento clave no impulso da actividade económica local, o fomento do comercio e do emprego e o desenvolvemento de proxectos estratéxicos ligados á innovación e á sustentabilidade. Repetto seguirá mantendo a colaboración co tecido empresarial e asociativo, consolidando así unha das áreas que máis contribúe á modernización e proxección exterior da cidade. A portavoz do goberno municipal seguirá sendo Ana González Abelleira.

A área de Cohesión Social, pola súa parte, seguirá dirixida por Olga López Racamonde, quen contará con dúas concellarías delegadas: a de Igualdade e Inclusión, baixo a responsabilidade de Ángeles Novo, centrada na promoción das políticas de muller, igualdade e diversidade, e a de Movementos Migratorios, a cargo de Wadir Sinisterra, orientada á integración e acompañamento da poboación migrante e á promoción da convivencia intercultural.

O resto de áreas, como Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Cohesión Social, Mobilidade e Infraestruturas Urbanas, Participación e Servizos para a Veciñanza e Dinamización Económica e Relacións Institucionais, manteñen a súa estrutura sen modificacións.

Noticias relacionadas