- Tema

Lugo recibiu hoxe a visita do alcalde de Vigo, Abel Caballero, nun encontro institucional marcado polo respaldo ao actual rexedor lucense, Miguel Fernández, e pola firme condena á moción de censura en curso, cualificada como “inxusta, ilóxica e dificilmente entendible”.
Durante un paseo polo centro da cidade, Fernández puxo en valor a transformación urbana experimentada nos últimos anos, destacando actuacións como a transformación do Casco Histórico, a recuperación de espazos públicos e a dinamización de prazas e rúas. “Lugo é hoxe unha cidade máis viva, máis dinámica e con máis futuro. Estamos a facer un esforzo importante que xa se traduce en logros como o incremento do turismo ou o crecemento demográfico”, subliñou.
O alcalde lucense tamén quixo agradecer a visita de Caballero, destacando a súa relevancia como un dos rexedores “máis recoñecidos e emblemáticos” do país. “É importante contar co seu apoio nun momento complexo. Queremos amosarlle como Lugo avanza, mesmo en circunstancias difíciles, e presumir dunha cidade hospitalaria e en pleno desenvolvemento”, afirmou.
Pola súa banda, Caballero foi contundente ao referirse á moción de censura, á que cualificou como “un acto antidemocrático innombrable”. O alcalde de Vigo denunciou o uso de votos socialistas contra un alcalde elixido baixo as mesmas siglas, sinalando que este tipo de prácticas “vulneran gravemente a democracia”. “É legal, pero non é lexítimo. E as persoas demócratas deben rexeitalo sen ambigüidades”, afirmou.
Caballero tamén apuntou directamente ao contexto político autonómico, asegurando que esta manobra responde a un intento de frear o avance da cidade. “O que se pretende é parar Lugo, deter unha transformación histórica que é evidente para calquera que pasee polas súas rúas”, sostivo.
Nese sentido, o rexedor vigués eloxiou a evolución urbana de Lugo, cualificándoa como “extraordinaria” e froito dunha continuidade política centrada no progreso. “O que está a pasar en Lugo é visible. É unha transformación histórica que continúa hoxe con Miguel Fernández, que está a demostrar ser un magnífico alcalde”, engadiu.
Caballero concluíu amosando a súa confianza na fortaleza do sistema democrático: “A democracia é consistente. Situacións como esta xa se viviron antes, e a cidadanía saberá responder nas urnas”.
A visita institucional reforza así o apoio político e simbólico ao actual goberno municipal, nun momento clave para o futuro da cidade, e pon en valor tanto a xestión realizada como o proxecto de futuro que encabeza Miguel Fernández.




