O alcalde convida á veciñanza a asistir o domingo no Parque Rosalía ao acto de lembranza da alcaldesa Paula Alvarellos, no seu cabodano

Desde as 13.00 horas recordarase á rexedora, coa lectura de poemas, entre eles un escrito polo seu compañeiro de grupo e amigo Pablo Permuy, tamén falecido o ano pasado.

 O cantante de Forget La France, Roi Álvarez, será o encargado de interpretar unha das cancións preferidas de Paula Alvarellos na contorna do templete do Parque Rosalía. 

 Miguel Fernández invita a asistir a este acto “co que queremos lembrar a gran pegada que deixou entre os e as lucenses, ademais do seu gran compromiso e traballo pola cidade”.

Mércores, 25 de febreiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, convida á veciñanza de Lugo a asistir ao acto de lembranza da alcaldesa Paula Alvarellos, no Parque Rosalía, o vindeiro domingo, data na que se cumpre o seu primeiro cabodano. Desde as 13.00 horas, nas inmediacións do quiosco da música, desenvolverase a lectura de poemas, entre eles un escrito para ela polo seu compañeiro de grupo e amigo, Pablo Permuy, o concelleiro que formou parte do seu grupo municipal e que tamén faleceu o ano pasado.

Ademais desta lectura, o acto contará coa participación do cantante de Forguet La France, Roi Álvarez, quen será o encargado de interpretar unha das cancións preferidas da que fora alcaldesa da cidade, desde o 18 de xaneiro de 2024 ata o seu falecemento, o día 1 de marzo do pasado ano.

O rexedor lucense invita á veciñanza “a participar neste acto de lembranza, coincidindo co primeiro aniversario do seu falecemento, no que será ademais o primeiro dunha serie de eventos de homenaxe nos que estamos a traballar desde o Concello de Lugo”. Migue Fernández sinalou que “con eles queremos lembrar a gran pegada que deixou nos e nas lucenses; o gran traballo que fixo para a cidade, e tamén a súa figura, a dunha muller valente, traballadora e comprometida con Lugo e a súa veciñanza”.

Noticias relacionadas