O Concello oferta máis de 1.200 prazas para os cursos de natación de nenos e adultos nas piscinas municipais de Frigsa e As Pedreiras

Todos os interesados nestes cursos, que terán lugar de outubro a decembro, poden inscribirse dende hoxe e ata o vindeiro mércores, 9 de setembro, na propia piscina na que desexen practicar natación

As piscinas de Frigsa rexistraron durante os meses de xullo e agosto a máis de 20.000 usuarios, un 35% máis que hai 5 anos

Venres, 04 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo abriu este venres o prazo de inscrición para matricularse nos cursos de natación para nenos e adultos que se impartirán nas piscinas municipais de Frigsa e As Pedreiras dende outubro a decembro. Así o avanzou esta mañá o Concelleiro de Deportes e Infraestruturas Urbanas, José Manuel Díaz Grandío, quen lembrou que “o prazo de inscrición estará aberto dende hoxe ata o vindeiro mércores, 9 de setembro, en ambas as dúas piscinas. Os interesados deberán inscribirse na piscina na que desexen pracicar natación”. Posterioremente, do 16 ao 21 de setembro, estará aberto o prazo de matrícula. O 23 e 24 de setembro será o período de matriculación para os lucenses que quedaran en lista de espera e o 25, a matrícula para cubrir as prazas libres. Todos os trámites de matrículación deberán facerse nas dependencias administrativas da piscina de Frigsa.

“O Concello oferta unhas 1.280 prazas para os cursos de natación, 984 na piscina de Frigsa e 295 na das Pedreiras”, anunciou Díaz Grandío, quen lembrou que para adultos, o Concello ofrece 500 prazas en Frigsa  e 147 nas Pedreitas, e para os máis cativos, 484 e 148, respectivamente.

O custe mensual dos cursos para adultos será de 22,90 euros pola asistencia 2 días á semana e 30,50 por tres días. Para os nenos e nenas, o custe mensual de 2 días á semana é de 18,40 e 24,60 para tres días semanais. As clases terá unha duración de 40 minutos.

Toda a información sobre horarios está dispoñible na páxina web www.lugo.gal ou no teléfono de información cidadá 010.

Temporada de verán

As piscinas de Frigsa recibiron durante os meses de xullo e agosto unha visita de máis de 20.000 usuarios. Os días de maior afluencia foron o martes 14 de xullo, con 511 visitantes, e en agosto, o xoves 20, con 425.

Díaz Grandío salientou o éxito destas instalacións durante o verán, “que cada ano atraen a máis afeccionados á natación”. Neste senso, o edil destacou “que nos últimos 5 anos incrementouse nun 35% o número de bañistas que optan polas instalacións de Frigsa para refrescarse no verán”.

Basadre tamén adiantou que están a traballar nos pasarrúas polos diferentes barrios da cidade, para que ningún deles se quede sen actividades de música e animación.

Descargas

  • Horarios e prazas ofertadas » As Pedreiras 1º Trimestre 2015 / 2016 | Descargar PDF
  • Horarios e prazas ofertadas » Frigsa 1º Trimestre 2015 / 2016 | Descargar PDF

Multimedia

Noticias relacionadas