O Concello traballa para que Lugo acolla en xuño o CESA de voleibol base

Jorge Bustos supervisou xunto ao presidente da Federación Galega de Voleibol a idoneidade das instalacións municipais para albergar o Campionato de España de Seleccións Autonómicas Infantil e Cadete.

O evento reuniría 76 equipos das 17 comunidades autónomas e podería atraer á cidade preto de 3.000 persoas, cun impacto económico superior ao millón de euros.

“Lugo está preparada para acoller o maior evento do voleibol base estatal e estamos a facer todo o necesario para que sexa unha realidade”, destacou o concelleiro de Deportes.

Martes, 24 de febreiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello traballa para que Lugo acolla en xuño o CESA de voleibol base

O Concello de Lugo traballa para que a cidade poida acoller a finais de xuño o Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA) de voleibol nas categorías infantil e cadete, a principal cita anual do voleibol base a nivel estatal. O concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, mantivo un encontro de traballo co presidente da Federación Galega de Voleibol e vicepresidente da Real Federación Española de Voleibol, José Ángel Luna, no que supervisaron a idoneidade das sedes municipais de cara á celebración do torneo.

“Non estamos ante unha candidatura improvisada. Lugo leva tempo facendo os deberes, traballando da man das federacións e demostrando que pode organizar competicións complexas con garantías técnicas e loxísticas”, sinalou Bustos. O edil subliñou que o Goberno local “ten claro que o deporte base é estratéxico, tanto pola súa dimensión formativa como polo impacto que xera na cidade”.

Segundo as estimacións de participación habituais deste campionato, o CESA reuniría en Lugo a 76 equipos das 17 comunidades autónomas, con arredor de 950 xogadores e xogadoras, máis de 200 técnicos e preto de 40 árbitros, disputándose máis de 140 encontros ao longo de catro xornadas. A esta cifra hai que sumar os acompañantes —principalmente familiares—, o que situaría o volume total de persoas desprazadas á cidade preto das 3.000.

O impacto económico directo e indirecto podería superar o millón de euros, cunha importante repercusión na hostalaría, o comercio e o sector servizos, ademais da proxección exterior derivada da retransmisión en streaming dos encontros e da cobertura en medios especializados.

No encontro técnico analizáronse as sedes municipais supervisadas para a competición: o Pavillón Municipal —que acollería as finais—, o Polideportivo Municipal Casa do Deporte e o Polideportivo Municipal O Pombal. O Concello colaboraría ademais nos dispositivos organizativos e loxísticos necesarios para garantir o correcto desenvolvemento dun evento destas dimensións.

Desde a Concellería de Deportes lembran que esta candidatura encaixa nunha estratexia sostida no tempo que xa situou a Lugo como un dos epicentros do voleibol estatal. Nos últimos meses, o Pavillón Municipal foi escenario da Golden League europea, de encontros oficiais de clasificación para o Europeo feminino, así como de concentracións das seleccións nacionais absolutas e de base no marco do acordo coa Real Federación Española de Voleibol.

A estes eventos súmanse os campionatos de España celebrados en anos anteriores e a presenza continuada de equipos de máximo nivel, o que permitiu adquirir unha experiencia organizativa contrastada e consolidar unha infraestrutura deportiva plenamente preparada para afrontar retos de gran envergadura.

Neste contexto, o voleibol ocupa hoxe un lugar destacado no tecido deportivo lucense. A cidade conta cunha estrutura consolidada encabezada polo Arenal Emevé, con equipos en categorías nacionais e unha ampla base formativa, á que se suman outros clubs como Xabaríns Lugo Voleibol e Club Muralla Volei, que contribúen a fortalecer a práctica deste deporte entre a mocidade.

Entre todas as entidades deportivas, centos de nenos e nenas practican voleibol na cidade, convertendo esta disciplina nun dos deportes con maior implantación no ámbito escolar e federado. Este traballo de base, sostido no tempo, é o que permite que Lugo non só aspire a acoller grandes competicións, senón que o faga desde unha realidade deportiva sólida e en crecemento.

“Todo o que fixemos ata agora forma parte dun proxecto de cidade. Lugo respira voleibol, conta cun tecido deportivo sólido e cunhas instalacións que xa demostraron estar á altura das grandes citas. Ese é o aval co que traballamos”, concluíu Jorge Bustos.

Audio

  • O concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, sobre o CESA de voleibol base | Descargar mp3

Multimedia

  • O Concello traballa para que Lugo acolla en xuño o CESA de voleibol base

Noticias relacionadas