A cidade reuniu esta fin de semana a máis de 1.500 deportistas e técnicos e volverá completar a súa oferta hoteleira os días 4 e 5 de xullo coa chegada de máis de 1.100 participantes ao Campionato de España de Barco Dragón
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, fixo hoxe unha valoración moi positiva da intensa actividade deportiva vivida na cidade durante a pasada fin de semana, na que Lugo acolleu tres importantes competicións que reuniron a máis de 1.500 deportistas e técnicos, ademais de centos de familiares e acompañantes.
A celebración do Campionato de España de Voleibol CESA, do Campionato de España Sub-20 Feminino de Hóckey Liña e do Campionato Galego de Barco Dragón converteu Lugo nun importante punto de encontro do deporte base e de competición, cun impacto directo tamén na actividade económica da cidade, rexistrándose unha elevada ocupación hoteleira.
A rexedora puxo en valor o traballo realizado polos clubs organizadores, as federacións deportivas, o persoal municipal e todas as persoas que fixeron posible o desenvolvemento destas competicións.
"Lugo demostra que está preparada para acoller grandes eventos deportivos. Contamos cunhas boas instalacións, cun movemento deportivo moi comprometido e cunha cidade capaz de recibir a miles de persoas, xerando ao mesmo tempo un importante retorno para o comercio, a hostalaría e o conxunto da economía local", sinalou Candia.
A alcaldesa destacou tamén que este é o camiño que seguirá impulsando o Concello: "Queremos que Lugo continúe sendo un destino de referencia para o deporte. Cada competición é unha oportunidade para proxectar a imaxe da cidade, dinamizar a economía e dar a coñecer todo o que Lugo pode ofrecer aos visitantes".
A rexedora destacou que esta liña de traballo terá continuidade xa a próxima fin de semana coa celebración do Campionato de España de Barco Dragón 200 metros, que terá lugar os días 4 e 5 de xullo e reunirá en Lugo a máis de 1.100 deportistas procedentes de toda España.
Esta nova cita deportiva permitirá volver rexistrar unha elevada ocupación hoteleira no municipio, reforzando a posición de Lugo como destino para a organización de eventos deportivos de ámbito nacional.

