O Concello reedita por catro anos o acordo coa Confraría do Carme para acondicionar un aparcadoiro disuasorio de 50 prazas xunto á Muralla

O convenio poderá ser prorrogado por acordo das partes e o Concello continuará colaborando coa Consellería de Cultura ata completar a rehabilitación da Capela do Carme.

Martes, 07 de xullo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello reedita por catro anos o acordo coa Confraría do Carme para acondicionar un aparcadoiro disuasorio de 50 prazas xunto á Muralla.O Concello reedita por catro anos o acordo coa Confraría do Carme para acondicionar un aparcadoiro disuasorio de 50 prazas xunto á Muralla
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo hoxe unha reunión co presidente da Confraría do Carme, Antonio de los Ojos, na que ambas as partes acordaron reeditar, por un período de catro anos, o convenio de colaboración que permitirá ao Concello habilitar un aparcadoiro disuasorio na parcela situada na parte posterior da igrexa do Carme, con acceso desde a rúa Poeta Noriega Varela.
 
O novo convenio poderá ser prorrogado por acordo das partes, garantindo así a continuidade dun estacionamento gratuíto situado nun punto estratéxico pola súa proximidade ao Casco Histórico e á Muralla.
Neste momento hai un acordo en vigor ata o 1 de marzo de 2027, pero a pesar de estar formalizado, o aparcadoiro non chegou a poñerse en funcionamento. 
 
Durante o encontro celebrado esta mañá en alcaldía tamén se abordou a continuidade da colaboración institucional para completar a rehabilitación da Capela do Carme. Neste sentido, o Concello continuará colaborando coa Consellería de Cultura ata o remate das actuacións de recuperación deste inmoble. A Xunta de Galicia leva investidos máis de 140.000 euros na reparación dos danos estruturais da cuberta, un primeiro paso para garantir a conservación deste edificio e avanzar na súa recuperación integral.
 
Elena Candia trasladou ademais a súa vontade de que, unha vez rematada a rehabilitación, a igrexa do Carme se converta nun elemento dinamizador do barrio, aproveitando a súa situación no Camiño de Santiago. Neste sentido, sinalou que este espazo poderá acoller concertos, actividades culturais e celebracións relixiosas, sempre da man do Bispado  da propia Confraría do Carme, e de diferentes institucións contribuíndo a revitalizar esta contorna do Casco Histórico.
Unha entidade comprometida coa recuperación do patrimonio
 
A alcaldesa quixo poñer en valor o traballo que vén desenvolvendo a Confraría do Carme, destacando que é unha entidade moi dinámica na procura de fondos e que aproveita e executa os proxectos dentro dos prazos establecidos, unha forma de traballar que está a contribuír á recuperación e posta en valor dun espazo de especial relevancia para a cidade.

Multimedia

  • O Concello reedita por catro anos o acordo coa Confraría do Carme para acondicionar un aparcadoiro disuasorio de 50 prazas xunto á Muralla.O Concello reedita por catro anos o acordo coa Confraría do Carme para acondicionar un aparcadoiro disuasorio de 50 prazas xunto á Muralla

Noticias relacionadas