O Concello de Lugo abre o prazo para solicitar as Bolsas Municipais ao Talento Deportivo 2025

A convocatoria conta cun orzamento de 26.000 euros para apoiar e recoñecer o esforzo da mocidade deportista lucense.

Poderán beneficiarse as persoas federadas nadas entre 2006 e 2011 que acrediten logros deportivos na tempada 2024.

O concelleiro de Deportes e Xuventude, Jorge Bustos, destacou que estas bolsas “apoian á mocidade que combina o deporte e a formación, e que é exemplo de superación para toda a sociedade”.

Venres, 07 de novembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo abre o prazo para solicitar as Bolsas Municipais ao Talento Deportivo 2025

O Concello de Lugo abre o prazo para solicitar as Bolsas Municipais ao Talento Deportivo 2025, unha convocatoria impulsada pola Área de Deportes e Xuventude coa que o Goberno local busca recoñecer o esforzo, a dedicación e a capacidade de superación das e dos deportistas máis novos do municipio. Estas axudas contan cunha dotación total de 26.000 euros e poden solicitarse durante dez días hábiles, a contar desde o día seguinte á publicación no Boletín Oficial da Provincia.

 Segundo explicou o concelleiro de Deportes e Xuventude, Jorge Bustos, “estas bolsas buscan apoiar á mocidade deportista lucense que, ademais de destacar no ámbito deportivo, transmite unha mensaxe de superación que resulta inspiradora para toda a sociedade”. Engadiu que o obxectivo é “facilitar que as e os mozos deportistas poidan seguir desenvolvendo o seu talento sen renunciar ao reforzo académico que necesitan para o seu futuro”.

 As Bolsas Municipais ao Talento Deportivo Individual están dirixidas a persoas federadas e empadroadas en Lugo, nadas entre 2006 e 2011, sen límite de idade no caso de deportistas con diversidade funcional. Poderán optar a elas quen acredite resultados destacados durante o ano 2024 en competicións oficiais de ámbito autonómico ou nacional. Entre os criterios de avaliación teranse en conta os resultados acadados en campionatos de España (do 1º ao 8º posto) e de Galicia (do 1º ao 3º posto). Tamén se valorará a superación do curso académico 2023/2024, así como o feito de ser deportista feminina ou con diversidade funcional, factores que sumarán puntuación adicional. A contía máxima por beneficiario poderá acadar os 1.500 euros, segundo a valoración dos méritos e o número total de solicitudes admitidas.

 Bustos subliñou que “o compromiso do Goberno local é garantir as condicións necesarias para que as novas xeracións sigan alcanzando os seus soños, ofrecéndolles o respaldo económico e institucional que precisan”. A través desta convocatoria, o Concello de Lugo fomenta a práctica da actividade física e o desenvolvemento deportivo da mocidade, ao tempo que promove valores de esforzo, disciplina e convivencia. Desde a súa creación no ano 2008, preto de 700 deportistas lucenses beneficiáronse xa destas axudas, que se consolidan como unha das principais ferramentas municipais de apoio ao talento deportivo individual.

 As persoas interesadas deberán presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello de Lugo ou a través da sede electrónica, empregando os medios previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Toda a información sobre a convocatoria, así como os modelos oficiais de solicitude e anexos, atópase dispoñible na web municipal:https://concellodelugo.gal/es/tramites/subvenciones-para-personas-con-talento-deportivo.

Multimedia

  • O Concello de Lugo abre o prazo para solicitar as Bolsas Municipais ao Talento Deportivo 2025

Noticias relacionadas