O alcalde e o edil de Deportes comprobaron a marcha dos traballos de posta a punto da instalación municipal, para acoller a proba nacional na que están inscritos 125 pilotos.
Miguel Fernández lembra que “esta infraestrutura non só acolle eventos deste nivel senón que fai promoción de Lugo como destino deportivo para a práctica do motocross”.
Jorge Bustos di que “o Goberno Local fixo un esforzo económico importante para apoiar esta proba, coa que seguimos a poñer en valor un dos grandes circuítos do país”.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, acompañado do edil de Deportes, Jorge Bustos, comprobaron a marcha dos traballos de acondicionamento e posta a punto do Circuíto municipal Jorge Prado, de cara á celebración do Campionato de España de Motocross desta fin de semana, coa participación de 125 pilotos.
Neste sentido, o rexedor municipal destacou que “esta infraestrutura municipal acolle eventos como campionatos nacionais e mundiais, situando a Lugo no mapa de grandes eventos deportivos, e impulsando o noso municipio como destino deportivo para a práctica de motocross”. Para o alcalde, “a aposta do Concello de Lugo para a creación desta instalación foi total e agora se está a demostrar que, tal e como pensabamos, Lugo podía ter un dos grandes circuítos nacionais, tal e como nos comentan os equipos e clubs de veñen de fóra”.
Pola súa banda, Jorge Bustos sinalou que “O Goberno Local fixo un esforzo económico importante para apoiar a celebración desta proba nacional, coa que seguimos a poñer en valor un dos grandes circuítos de motocross do país”.
Neste sentido, o edil de Deportes comentou que “o pasado mes de agosto, a instalación municipal acolleu un campamento de motocross con 70 nenos e nenas procedentes de sete comunidades autónomas e baixo a organización dun club madrileño que por segundo ano consecutivo elixiu o Jorge Prado para desenvolver esta concentración”.
Moitos dos asistentes ao citado campamento estiveron adestrando como preparación a súa participación esta fin de semana a Lugo no nacional de motocross junior. De feito, desde o Motopark Club explican que dos 125 pilotos inscritos, hai categorías completas, como a de ata 8 anos, na que hai inscritos 46 pilotos, seis máis que os postos da grella de saída.
As mangas deste campionato disputaranse os días 20 e 21 de setembro, para as categorías MX65, Mx85, Mxs18, Máster MX3 e Máster Mx4.
Nos últimos días se acondicionou tanto o perímetro como o interior do circuíto. Tamén as zonas reservadas para estacionamento de vehículos e os espacios destinados a acoller os servicios de emerxencias cos que debe contar un circuíto deste nivel ante a celebración do campionato nacional.
Ademais, o Motopark Lugo, o club concesionario do citado circuíto municipal, contou coa colaboración da Concellería de Deportes e doutras áreas municipais, como a de Medio Ambiente, para outras necesidades que implica a disputa desta proba, como é a colocación de máis contedores, cos que atender a recollida de lixo dos centos de persoas que se agarda acudan á celebración deste evento deportivo.



