A carreira nocturna do sábado abre unha nova edición do circuíto Corre con Nós, que bate récord con 1.957 persoas inscritas

O alcalde destaca que “esta cifra histórica demostra que o deporte está máis vivo ca nunca e confirma o auxe deste circuíto popular gratuíto organizado polo Concello”.

A primeira das seis probas comezará o sábado a partir das 18.00 horas, cun itinerario de tres quilómetros, que percorrerá as inmediacións da avenida Ramón Ferreiro.

Na inscrición de 1.957 atletas figuran deportistas procedentes de ata 25 municipios de toda a comunidade autónoma, cunha porcentaxe de mulleres do 35 por cento.

Martes, 13 de xaneiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A carreira nocturna do sábado abre unha nova edición do circuíto Corre con Nós, que bate récord con 1.957 persoas inscritas

A carreira nocturna deste sábado, día 17, abre unha nova edición do Circuíto popular Larsa Corre con Nós, organizado pola área de Deportes do Concello de Lugo, que este ano alcanza a edición vixésimo cuarta e faino ademais cun novo récord, de 1.957 inscricións. Trátase dunha cifra histórica, posto que supera aos 1.848 da pasada edición, o que a xuízo do alcalde de Lugo, Miguel Fernández, “vén a demostrar que o deporte está máis vivo ca nunca e confirma o auxe deste circuíto popular gratuíto organizado polo Concello de Lugo”.

Unha das vantaxes dos circuítos populares como este Corre con Nós é que as e os atletas inscritos xa quedan anotados para as seis carreiras restantes, podendo participar en cada unha delas sen necesidade de ter que renovar a inscrición. Ademais, a participación nestas probas é totalmente gratuíta, xa que se trata dunha iniciativa promovida pola Concellería de Xuventude e Deportes do Concello de Lugo. Respecto á inscrición, hai que destacar que nesta nova edición hai atletas procedentes de ata 25 municipios diferentes, pertencentes ás catro provincias galegas, cunha porcentaxe de mulleres inscritas dun 35 por cento, e dun 65 por cento de homes.

A primeira das seis probas, a coñecida como carreira nocturna, disputarase este sábado, día 17, cun percorrido polas inmediacións da avenida Ramón Ferreiro, a partir das 18.00 horas, con distancias que abarcan desde os 300 metros das categorías menores aos tres quilómetros para as e os adultos.   

A montaxe da proba obrigará a cortar o tramo da avenida Ramón Ferreiro máis próximo á Praza Horta do Seminario entre as 12:00 e as 20:00 horas, desde Salvador de Madariaga ata Anxo López Pérez do mesmo sábado 17.

Así, a categoría mini tomará a saída ás 10.00 horas para percorrer 300 metros; cinco minutos despois será a quenda para as categorías sub10 e sub12, que correrán unha distancia de 800 metros. As 18.15 horas darase a saída á proba de 1.000 metros para as categorías sub14 e sub16, mentres que a carreira de adultos disputarase ás 18.30, cun percorrido de tres quilómetros.

Os horarios e distancias das probas están aloxados con toda a información na páxina web do circuíto: https://correconnos.com.

As vías afectadas pola proba estarán cortadas ao tráfico desde as 17.30 ás 19.30 horas na propia avenida Ramón Ferreiro; desde Anxo López Pérez ata a rotonda que enlaza con Mariña Española, e tamén desde a avenida Rodríguez Mourelo ata a praza de Avilés. Igualmente verase afectado o tramo entre as rúas Vilalba e Anxo López Pérez.

A recollida dos dorsais e chips para esta proba pódese facer na tenda colaboradora  Endorfina Sports (Campo Castelo), durante todo o xoves 15, venres 16 e sábado 17, no seu horario comercial.

As e os corredores que cheguen á liña de meta disporán de abastecemento de bebidas que, un ano máis, correrá a cargo de Cola Cola e do patrocinador principal do circuíto LARSA que con esta tempada xa suma 18 consecutivas apoiando este circuíto.

As persoas interesadas en participar neste circuíto Corre con Nós e que non se apuntaran para esta proba, poderán facelo gratuitamente a partir do seguinte día desta primeira carreira, accedendo á paxina web do circuíto, na dirección: https://correconnos.com

Multimedia

  • A carreira nocturna do sábado abre unha nova edición do circuíto Corre con Nós, que bate récord con 1.957 persoas inscritas
  • A carreira nocturna do sábado abre unha nova edición do circuíto Corre con Nós, que bate récord con 1.957 persoas inscritas

Noticias relacionadas