Infraestruturas elabora o plan de tráfico da marcha ciclista polo 25º aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade

O evento terá lugar o vindeiro domingo 30 de novembro pola mañá, e requerirá pechar o tráfico na contorna da Muralla para garantir a seguridade.

Os cortes sinalizaranse nos días previos ao evento.

Mércores, 19 de novembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Infraestruturas elabora o plan de tráfico da marcha ciclista polo 25º aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade

A concellería de Infraestruturas Urbanas vén de elaborar o Plan de Tráfico específico para a marcha ciclista popular con motivo da celebración do 25 Aniversario da proclamación da Muralla de Lugo con Patrimonio da Humanidade. Esta proba, que terá lugar o vindeiro domingo 30, a partir das 11:45, constará de dúas voltas arredor da Muralla, entrando tamén ao centro da cidade.

O percorrido comezará na Praza da Mosqueira, dando unha volta completa á Muralla (con paradas para o reagrupamento fronte ás portas de Bispo Odoario e na Mosqueira), e unha segunda volta que entrará ao centro a través da rúa Montevideo, continuando por Quiroga Ballesteros, Santo Domingo, Raíña, praza Maior, Bispo Aguirre e saíndo de novo cara a Mosqueira, onde rematará.

Durante o desenvolvemento da proba será necesario limitar temporalmente o tránsito de vehículos pola Rolda da Muralla e limitar os espazos de estacionamento na zona. O Goberno de Lugo informará previamente á veciñanza colocando carteis informativos os días previos ao evento (xoves 27, venres 28 e sábado 29 de novembro) en todos os vaos dos garaxes e portais dos edificios afectados, nos que se dará información detallada sobre as rúas polas que se realiza o evento deportivo e a data e hora do corte de tráfico, para que a veciñanza afectada adopte as medidas oportunas en caso de ter programada unha viaxe. 

Ademais, nos accesos á zona afectada, instalaranse sinais informando do corte do tráfico, e durante o evento, a Policía Local en coordinación con Protección Civil disporán de efectivos para controlar o cumprimento das restriccións temporais.

Audio

  • A concellería de Infraestruturas Urbanas, sobre o plan de tráfico na Muralla | Descargar mp3

Noticias relacionadas