COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL

Martes, 17 de marzo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
COMUNICADO DE PRENSA DA POLICÍA LOCAL

Vixilancia de vertedoiros ilegais

Tal e como se informou en datas anteriores, a Policía Local mantén activo un dispositivo de vixilancia sobre diversos vertedoiros ilegais de residuos, con especial incidencia no situado na parroquia de Coeses.

O pasado venres día 6, un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio, que realizaba labores de control tras un aviso recibido na Sala do 092, observou como se depositaban nun contedor de residuos domésticos distintos materiais impropios, como cables, baldosas, lámpadas de xenón, sanitarios, entre outros. Os axentes comprobaron ademais a presenza de restos similares noutros contedores da contorna.

Tras as oportunas indagacións, os policías lograron localizar a procedencia dos residuos, que resultaron provir dunha obra de rehabilitación dunha vivenda próxima. Procedeuse á identificación do responsable dos vertidos, que foi denunciado por unha presunta infracción á Lei de Residuos de Galicia.

Intervención por drogas

Durante a madrugada do domingo, mentres un indicativo do Grupo Operativo Nocturno interviña nunha infracción de tráfico, os axentes percibiron un forte cheiro a unha substancia que parecía ser droga procedente do interior do vehículo.

Por este motivo, procederon ao cacheo superficial dos ocupantes, localizando nun peto do condutor unha bolsa cunha substancia que presuntamente podería ser cannabis. A droga foi intervida e tramitouse a correspondente acta-denuncia por unha presunta infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá.

Xa pola tarde do mesmo día, unha moza foi denunciada por consumir en vía pública unha substancia que tamén podería tratarse dun estupefaciente, sendo esta igualmente intervida para a súa análise.

Seguridade viaria – últimas intervencións

Nos controis de seguridade viaria realizados pola Unidade Territorial de Policía de Barrio, o Grupo Operativo Nocturno e a Unidade de Atestados, os axentes detectaron diversas infraccións:

Vehículo con orde de precinto, que foi retirado polo servizo de guindastre municipal e inmobilizado ata que o titular regularice a súa situación.

Alcoholemias administrativas (5), detectadas na Avenida de Madrid e en Ramón Ferreiro, con taxas comprendidas entre 0,31 e 0,47 mg/l.

Alcoholemias penais (3), rexistradas en Lamas de Prado, Artes e Fontiñas, con resultados de 0,93/0,96; 0,97/0,92 e 0,74/0,82 mg/l.

Positivos en drogas (4), nas vías Avenida de Madrid, Concepción Arenal, Ramón Ferreiro e Infanta Elena, todos eles por consumo de THC.

Condución sen permiso (3), detectadas en Carril das Flores, As Gándaras e Avenida da Coruña. Dous dos condutores tiñan retirado o permiso por sentenza xudicial e un terceiro nunca obtivera autorización administrativa para conducir.

Así mesmo, no marco da campaña de control do uso dos sistemas de retención (cinto de seguridade e sistemas de retención infantil), na que participou a Policía Local de Lugo, controláronse un total de 480 vehículos, detectándose 31 persoas (entre condutores e ocupantes) que non facían uso do cinto de seguridade obrigatorio.

Noticias relacionadas