A primeira proba do XXIV Circuíto Larsa Corre con Nós encara os últimos días de inscrición para a Nocturna do 17 de xaneiro

A inscrición, gratuíta para todas as idades, continúa aberta ata o domingo 11 e dá acceso ás seis probas do circuíto 2026.

O circuíto supera xa os 1.300 inscritos e prevé reunir arredor de 1.000 participantes na Nocturna do día 17.

O concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, destaca que “o circuíto volve demostrar a súa forza como unha das actividades deportivas máis multitudinarias e integradoras da cidade”.

Venres, 09 de xaneiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A primeira proba do XXIV Circuíto Larsa Corre con Nós encara os últimos días de inscrición para a Nocturna do 17 de xaneiro

O XXIV Circuíto de Carreiras Populares Larsa Corre con Nós 2026 poñerá en marcha unha nova edición o vindeiro sábado 17 de xaneiro coa súa tradicional carreira Nocturna, unha das probas máis emblemáticas do calendario e punto de encontro para centos de deportistas que cada ano escollen iniciar aquí a tempada atlética en Lugo. A saída terá lugar nas inmediacións da Praza Horta do Seminario, escenario habitual da primeira carreira deste circuíto que organiza o Concello de Lugo e que se caracteriza por ser un percorrido curto, rápido e de alta intensidade.

A inscrición continúa aberta ata o domingo 11 de xaneiro a través da web oficial www.correconnos.com e é totalmente gratuíta tanto para menores como para persoas adultas. Aquelas persoas que completen agora o proceso quedarán automaticamente rexistradas para participar en todas as probas do circuíto, que se estenderán ata o 14 de xuño. Tal e como lembra o concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, “unha das claves do éxito do Corre con Nós é a facilidade para participar: con só facer esta primeira inscrición, cada corredor e corredora queda anotado para todo o ano, sen ningún tipo de custe”.

A falta dunha semana para o peche de inscricións, o circuíto suma xa preto de 1.300 persoas inscritas, unha cifra que amosa a consolidación desta competición como unha das citas populares máis concorridas de Galicia. A previsión da organización é contar arredor de 1.000 participantes na Nocturna do día 17, en liña coa participación rexistrada o pasado ano, no que se acadaron récords tanto de inscrición como de presenza nas probas. “Cada edición comprobamos como este circuíto segue medrando: é unha actividade integradora, aberta a todas as idades e condicións físicas, que pon en valor a práctica deportiva e a convivencia nos barrios da cidade”, subliña Bustos.

O edil destaca tamén o carácter social e deportivo do evento: “O Corre con Nós é máis que unha competición. É un espazo de encontro para familias, escolas deportivas, clubs e afeccionados, e unha maneira formidable de achegar o deporte a milleiros de persoas ao longo de seis meses”. Ademais, engadiu que “o feito de que sexa unha actividade gratuíta axuda a eliminar barreiras e garante que calquera poida formar parte do circuíto, algo que para nós é fundamental”.

As persoas inscritas poderán recoller o seu dorsal nos días previos: o xoves 15, venres 16 e sábado 17 de xaneiro na tenda colaboradora Ndorfina Sports, dentro do seu horario comercial. Unha vez pechado o prazo, volverase abrir o procedemento a partir do martes seguinte á celebración da primeira proba, permitindo así a incorporación de novos participantes ao longo da tempada.

Cortes de tráfico

Durante a tarde do sábado 17, o desenvolvemento da carreira obrigará a establecer un dispositivo especial que afectará a varias rúas do centro da cidade. Entre as 17:30 e as 19:30 horas manteranse restricións de circulación na avenida Ramón Ferreiro, no tramo comprendido entre a rúa Alcalde Anxo López Pérez e a intersección con rúa Marina Española. Tamén se verán afectadas a Praza de Avilés, no seu carril exterior, e a avenida Rodríguez Mourelo, onde se producirán cortes en ambas marxes. O Concello de Lugo recomenda planificar con antelación os desprazamentos pola zona durante ese intervalo horario para facilitar o desenvolvemento seguro da proba.

Audio

  • O edil Jorge Bustos, sobre a proba do XXIV Circuíto Larsa Corre con Nós | Descargar mp3

Noticias relacionadas