As actividades desenvólvense nos polideportivos de Frigsa, do Palomar e no Daniel Cordido; na Casa do Deporte; na Piscina de As Pedreiras e no Pavillón dos Deportes.
Co emprego sen custo destas instalacións, o Goberno Local quere favorecer a marcha destas escolas; promover a actividade física entre a xente moza e apoiar ó deporte base.
O edil Jorge Bustos agarda que “a alta participación nestas escolas reflicte o interese da veciñanza nestas actividades e a boa sintonía entre o Concello e os clubs locais”.

O Concello de Lugo porá a disposición das case 20 escolas deportivas da cidade ás instalacións municipais para acoller de forma gratuíta as actividades previstas na nova tempada, correspondente ao curso 2025-2026. A cesión sen custo por parte do Concello de Lugo a un total de 17 clubs da cidade, fará máis fácil e favorecerá o acceso ao deporte dos cativos e cativas lucenses, que poderán escoller entre 16 disciplinas deportivas distintas, que se desenvolverán nos polideportivos de Frigsa, do Palomar e no Daniel Cordido; na Casa do Deporte; na Piscina de As Pedreiras e no Pavillón dos Deportes.
Deste xeito, o Goberno de Miguel Fernandez, a través da Concellería de Deportes, que dirixe Jorge Bustos, vén de anunciar a posta en marcha dunha nova tempada das Escolas Deportivas municipais, que reúne 17 disciplinas e que ofrece xa a información aportada polos clubs que as imparten para este curso que comeza.
As modalidades ofertadas abranguen aikido, baloncesto, balonmán, béisbol, esgrima, hockey liña, ciclismo, MTB, loitas olímpicas, patinaxe, triatlón, piragüismo, rugby, taekwondo, tenis, tenis de mesa e ximnasia rítmica. En función da disciplina, existen escolas con matrícula gratuíta e outras que requirirán un custe de inscrición.
Ademais de nas instalacións municipais sinaladas, as clases das distintas escolas deportivas impartiranse tamén no Pazo Provincial dos Deportes e en diferentes colexios da cidade, sede tamén dalgunhas modalidades deportivas.
O edil responsable desta área municipal sinala que “o Concello colabora coa cesión gratuíta destas instalacións para favorecer o desenvolvemento das escolas, nunha aposta clara pola promoción da actividade física e o apoio ao deporte base”. Ademais, agarda que “a alta participación nestas escolas reflicte o interese da veciñanza nestas actividades e a boa sintonía entre o Concello e os clubs locais”.
Por último Jorge Bustos lembra que, ao igual que outros anos, “o noso principal obxectivo é ofertar unha proposta de lecer que vire arredor dos valores saudables; mellorar as habilidades sociais dos participantes a través do deporte; fomentar a integración e as relacións da cidadanía e, ao tempo, promover o uso das instalacións municipais”.

