O Concello destina 2,3 millóns de euros no 2016 ao servizo de axuda no fogar, que atendeu a máis de 350 usuarios este ano

Convocadas as axudas municipais á cooperación e ao desenvolvemento e sensibilización social, as de carácter cultural e as destinadas á xuventude, que suman 124.000 euros

A Xunta de Goberno acordou iniciar o proceso de contratación da explotación da cafetería do centro de convivencia municipal Uxío Novoneyra. O anuncio publicarase no BOP e no perfil do contratante do Concello

Mércores, 09 de decembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello destina 2,3 millóns de euros no 2016 ao servizo de axuda no fogar, que atendeu a máis de 350 usuarios este ano

A Xunta de Goberno acordou este mércores aprobar a contratación do servizo de axudar no fogar no Concello de Lugo, un contrato ao que a entidade local destina 2.,3 millóns de euros no 2016. Así o avanzou o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen lembrou que “coa continuidade deste servizo, damos cobertura á poboación máis vulnerable e que máis o necesita, como son os nosos maiores, que representan o 20% do noso municipio”. Este programa persegue mellorar a calidade de vida das persoas usuarias, ao tempo que posibilita a permanencia no seu contorno de vivencia habitual e favorece a súa autonomía no propio domicilio. Previr situacións de dependencia ou exclusión social é outro dos obxectivos que persegue este servizo.

Deste xeito, a Xunta de Goberno aprobou os pregos de prescricións técnicas e de cláusulas administrativas particulares que rexerán na licitación, así como un gasto de 155.000 euros e a adxudicación por procedemento aberto. O anuncio de licitación publicarase no Boletín Oficial da Provincia de Lugo así como no Perfil do Contratante do Concello. O prazo de presentación de proposicións será de 15 días naturais contados dende a publicación do anuncio no BOP.

O prazo de execución do servizo será de 2 anos, podendo ser prorrogable por períodos máximos anuais por acordo do órgano de contratación, sen que a duración total do contrato, incluídas as prórrogas, poida exceder de 4 anos.

O horario de prestación do servizo ordinario será de luns a sábado en horario de 07:00 a 22:00 horas, sempre que sexan laborais; e en servizo extraordinario, de 22:00 a 07:00 horas de luns a sábado, os domingos e os festivos as 24 horas. A duración da prestación do servizo nunca será inferior a 30 minutos diarios, e prestarase nun máximo de 3 franxas horarios diarias, debendo respectar, sempre que sexa posible, a vontade da persoa beneficiaria.

“No que vai de ano o Concello atendeu a máis de 350 usuarios dentro do Servizo de Atención no Fogar. O 85% dos usuarios deste servizo é maior de 70 anos, o 46,5% viven sós e o 50% teñen dificultades de desprazamento”, subliñou Fernández.

Axudas á cooperación social, cultura e xuventude

A Xunta de Goberno aprobou este mércores a convocatoria de tres liñas de axuda que suman 124.000 euros. Trátase das dirixidas a proxectos de cooperación ao desenvolvemento e sensibilización social, para as asociacións culturais e para as que desenvolven o seu traballo no eido da xuventude.

O Concello destina 89.500 euros ás subvencións de carácter social, dos cales 70.000 irán destinados a subvencionar proxectos de cooperación ao desenvolvemento e 19.500 a proxectos de sensibilización; 24.500 para as de carácter cultural e 10.000 para as do ámbito da xuventude.

Tal e como explicou Fernández, todas as organizacións non gubernamentais e asociacións sen ánimo lucro interesadas nesta axudas, deberán presentar no Rexistro Xeral do Concello a súa solicitude no prazo de quince días, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio das bases no DOG. O texto íntegro publicarase no Boletín Oficial da Provincia, no Taboleiro de Edictos do Concello e na páxina web www.lugo.gal. Se ben a publicación do anuncio no DOG será a data que hai que ter en conta para os efectos de presentación de solicitudes.

Cafeterías nos centros Uxío Novoneyra e Fingoi

O voceiro informou de que na Xunta de Goberno desta mañá acordouse iniciar o proceso de contratación da explotación da cafetería situada no centro de convivencia municipal Uxío Novoveyra, así como o prego das condicións técnicas e de cláusulas administrativas particulares e a adxudicación por procedemento aberto.

O anuncio de licitación publicarase no Boletín Oficial da Provincia de Lugo así como no Perfil do Contratante do Concello. O prazo de presentación de proposicións será de 15 días naturais contados dende a publicación do anuncio no BOP.

O prazo máximo de duración do contrato é de 2 anos. O canon a pagar polo adxudicatario establécese nun mínimo de 150 euros mensuais, resultando finalmente o canon ofertado á alza polo adxudicatario na súa proposta económica.

O horario de apertura da cafetería será acorde co horario do centro de convivencia, e como mínimo de luns a venres das 08:30 a 14.00 horas e das 16:00 ás 21:00 horas. Dito horario poderá ser ampliado aos sábados pola mañá en horario de 09:30 horas ás 13:30 horas, sempre e cando as instalacións municipais permanezan abertas.

Neste senso, Fernández deu a coñecer que a sesión da Xunta de Goberno tamén acordou prorrogar o contrato da explotación da cafetería do centro municipal de convivencia de Fingoi por prazo dun ano, contado dende o 12 de novembro de 2015 ata o 11 de novembro de 2016.

Noticias relacionadas