- Tema
O Concelleiro de Medio Ambiente e Zona Rural, Lino González, decidiu trasladarlle hoxe ao Seprona e á Consellería de Sanidade as queixas que os veciños están efectuando en relación coa suposta presenza de substancias estrañas na auga da traída.
O Concello de Lugo ven facendo analíticas desde que comezaron as queixas sen que se teña rexistrado ningunha anomalía. Tanto é así que se teñen analizado parámetros non esixidos na normativa sobre a auga sen que os resultados foran positivos.
Ante esta situación, o Goberno Local decidiu seguir tomando as mostras correspondentes, ao tempo que o pon en coñecemento do Seprona e Sanidade para que poidan investigar o asunto.
En relación coa turbidez da auga rexistrada nalgunha zona da cidade, o Concello recorda que no día de onte se produciu unha avaría que provocou que a auga non estivese cristalina, se ben se tratou dun problema puntual que está solventado e non afectou á potabilidade do líquido.
O Concello de Lugo non ten motivos para desaconsellar o consumo de auga, posto que todas as probas realizadas avalan a súa potabilidade. Igualmente, continuará facendo probas e porá en coñecemento da cidadanía os resultados.