O Concello de Lugo presenta a súa candidatura á cuarta edición dos distintivos Bandeira Verde de Galicia

O Executivo de Paula Alvarellos optará a este recoñecemento que premia as boas prácticas postas en marcha polos concellos galegos en materia medioambiental.

“As actuacións que estamos a desenvolver están a situar a Lugo como un referente non só a nivel galego, senón tamén español e europeo, no desenvolvemento sostible e a loita contra o cambio climático”, explicou a rexedora.

O outorgamento deste distintivo constitúe mérito para a obtención de subvencións en materia de patrimonio natural e en materia de residuos de competencia municipal.

Martes, 18 de xuño de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo presenta a súa candidatura á cuarta edición dos distintivos Bandeira Verde de Galicia

O Executivo de Paula Alvarellos presentou a súa candidatura á cuarta edición dos distintivos Bandeira Verde de Galicia, unha iniciativa creada no ano 2020 que busca distinguir aos concellos galegos máis dinámicos no eido medioambiental, desenvolvendo boas prácticas para o coidado da súa contorna, o respecto á paisaxe, a redución das emisións de CO2, ou a redución do consumo enerxético entre outras cuestións.

Neste senso, a rexedora destacou que “optamos a este recoñecemento polas difentes actuacións que estamos a poñer en marcha para protexer o medio ambiente e a paisaxe; para afrontar o cambio climático e mellorar a eficiencia enerxética; para xestionar de maneira responsable os residuos municipais, e para sensibilizar a cidadanía nesta materia”.

Deste xeito, a candidatura de Lugo inclúe actuacións xa finalizadas e outras en execución. “Non están todas as que se levaron a cabo, pero si unha gran parte das que amosan o modelo de cidade no que nos estamos a converter con proxectos que nos permiten vivir de xeito máis integrado co Miño (recuperación da Vía XIX, Tanxurela, a senda verde ciclista, rexeneración do Carme, peonalización da calzada da Ponte...), nunha cidade máis ecolóxica (renaturalización dos espazos e creación de novas áreas verdes), referente no urbanismo sostible (Impulso Verde como edificio emblema e o deseño dos barrios sostibles do futuro), amable, funcional e integradora coa veciñanza de todas as idades (ascensores urbanos, peonalizacións, centros sociais interxeracionais, parques...) cun casco histórico continuo, camiñable e con diversidade de usos (peonalización integral do casco histórico e melloras na súa contorna) que impulsa a participación cidadá (Muramiñae Rehabilita) e fomenta o turismo sostible (coas Caldas do Miño e a Fábrica da Luz como algún dos proxectos claves)”, explicou Alvarellos.

“Estas actuacións están a situar a Lugo como un referente non só a nivel galego, senón tamén español e europeo, no ámbito do desenvolvemento sostible e a loita contra o cambio climático”, engadiu a alcaldesa, quen explicou que a finalidade do goberno local é “acadar un Lugo con baixos niveis de contaminación, abundantes espazos naturais para goce dos seus habitantes, baixas emisións de gases efecto invernadoiro e cun crecemento urbanístico baseado en edificacións bioclimáticas e sostibles, e onde os cidadáns teñan unha importante vocación de respecto medio ambiental”.

Bandeira verde de Galicia

O obxectivo deste distintivo é que os municipios sexan recoñecidos pola cidadanía e polos potenciais visitantes, fortalecendo a imaxe das vilas e pobos máis comprometidos nos ámbitos ambiental, paisaxístico e de respecto ao patrimonio natural. Ademais, o outorgamento deste distintivo constituirá mérito para as entidades locais de Galicia tanto para os efectos da obtención de subvencións en materia de patrimonio natural, coma de axudas para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal.

Noticias relacionadas