O Concello de Lugo fomenta cunha ‘biciescola’, accións en colexios e a promoción da senda ciclista urbana unha mobilidade sostible

O Executivo de Lara Méndez quere potenciar o uso seguro da bicicleta pola cidade como transporte habitual para crear hábitos de vida saudable e rebaixar o tráfico rodado.

Durante os meses de abril e maio se porán en marcha cursos de formación orientados a persoas que non adquiriron a habilidade de andar en bicicleta e agora desexan aprender.

Activarase a campaña ‘Senda Verde Ciclista: móvenos por Lugo’, con premios que oscilan entre os 500 e os 2.000 euros para incentivar o uso do carril bici urbano.

Mañá, Lugo manterá un encontro coa ‘Red de Ciudades por la Bicicleta’, onde se acaba de integrar co fin de desenvolver actividade conxuntas para mellorar a seguridade dos ciclistas.

A programación inclúe aportacións recollidas nos diferentes encontros levados cos colectivos, asociacións e institucións integradas na Mesa Observatorio pola Bicicleta.

Domingo, 26 de marzo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo fomenta cunha ‘biciescola’, accións en colexios e a promoción da senda ciclista urbana unha mobilidade sostible

O Goberno de Lara Méndez busca fomentar unha mobilidade sostible en Lugo a través dunha estratexia que, ademais de impulsar a nova senda verde ciclista urbana, incluirá a posta en marcha dunha ‘biciescola’ para adultos e accións en colexios, entre outras iniciativas.

As mesmas seguirán as pautas que se van apuntando na Mesa Observatorio posta en marcha pola Alcaldesa lucense e na que forman parte sectores vinculados co mundo da bicicleta, asociacións, centros educativos e a Universidade co fin de traballar de maneira conxunta en accións de fomento do uso cotián deste transporte. “Queremos rebaixar os niveis de contaminación medioambiental e acústica así como mellorar a saúde de cidadanía, e para iso é importante impulsar accións que permitan o uso seguro da bicicleta, especialmente nos desprazamentos urbanos habituais, en detrimento do vehículo”, sostén a rexedora.

Entre as accións que se porán en marcha de maneira inmediata, destacan:

Activación dunha ‘Bicescola’ para adultos orientada a persoas que non adquiriron a habilidade de andar en bicicleta e agora desexan aprender. A formación desenvolverase en seis sesións, no carril bici da contorna do Miño, e cada unha terá unha hora e media de duración. os venres 14, 21 e 28, de abril, en horario de 18.30 a 20.00 horas. e os venres 5, 12 e 19, de maio no mesmo horario.

Campaña ‘Senda Verde Ciclista: móvenos por Lugo’. Pretende incentivar o uso habitual do carril bici urbano de 14 quilómetros que une 8 barrios, e 8 barrios con Miño, a través de diversos percorridos. As persoas que o utilicen, se desexan participar nun sorteo de 2.000 euros para adultos e de 500 euros para a mocidade -que poderán intercambiar por material de ciclismo nos pequenos comercios da cidade - só terán que escanear os códigos QR que atoparán no percorrido da senda verde ciclista urbana e subir 3 fotografías. A campaña durará do 14 ao 23 de abril, e o sorteo será o 26 de abril.

Actividades para a mocidade. O Concello implica ás Anpas e aos centros escolares e institutos de Lugo para que a mocidade adquira un maior coñecemento da senda verde ciclista urbana para circular por ela sen risco e os camiños máis seguros para trasladarse aos colexios, así como da normativa de circulación.

Formación de reparación de bicicletas. Actualmente están en marcha na Casa da Xuventude cursos gratuítos de mantemento e reparación de bicicletas convencionais, eléctricas e outros vehículos de mobilidade urbana, que finalizarán o 27 de maio. Máis información en: https://www.lugomasxti.org/es/actividades-xti-2023/

Lugo, integrada na ‘Red de Ciudades por la Bicicleta’

Ademais, o concelleiro Mauricio Repetto manterá mañá, luns, un encontro coas cidades incluídas na ‘Red de Ciudades por la Bicicleta’, unha asociación na que Lugo está integrada e que está composta por entidades locais que ten por obxecto a xeración dunha dinámica entre as urbes españolas co fin de facilitar, facer máis segura e desenvolver a circulación dos ciclistas, especialmente no medio urbano.

 

Noticias relacionadas