A Alcaldesa, Lara Méndez, inaugurou unha xornada para abordar a situación deste colectivo organizada por Cruz Vermella e Cáritas en colaboración coa área de Benestar.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destacou a especial sensibilidade do Concello de Lugo coa situación das persoas sen fogar, “as que representan a cara máis severa dos procesos de exclusión social. Falamos de persoas que son privadas do acceso a un traballo, a unha vivenda e aos recursos económicos, que se enfrontan á soidade e case sempre á ruptura dos seus vínculos sociais e familiares”, sostivo, e explicou que, para atender a este colectivo, á concellería de Benestar destinou este ano máis de 600.000 euros, “aumentando un 15% máis os recursos económicos para este fin”.
Así o trasladou a rexedora durante a inauguración da xornada "Análise da situación das persoas sen fogar", organizada polas asociacións Cáritas e Cruz Vermella en colaboración coa Concellería de Benestar, que dirixe a edil Olga López.
Neste sento, destacou que desde o programa Sen Teito se atenderon no que vai de ano a preto de 300 persoas, e desde o Fogar do Transeúnte se rexistraron máis de 3.200 pernoctas.
Lara Méndez agradeceu a colaboración das asociacións que colaboran co Concello para mellorar a vida destas persoas, “colaboración público-privado enormemente necesaria e da que se obteñen moi bos resultados”.
O debate sobre a situación das persoas sen fogar estivo moderada pola concelleira Olga López, e na mesma participaron Emilia Vázquez Rozas, licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais, doutora en Economía e autora do "Estudo sobre Senfogarisno Feminino e Violencia de Xénero en Galicia"; Francisco Lorenzo Gilsanz, doutor en Socioloxía, diplomado en Traballo Social e director da Área de Acción Social de Cáritas Española, e Patricia A Castiñeira, educadora social e responsable do programa municipal Sen Teito.