O Concello de Lugo aposta por unha xestión de calidade para a auga de Lugo

Luns, 12 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, informou da xuntanza mantida entre o Alcalde de Lugo, José López Orozco, representantes dos distintos grupos con representación municipal e técnicos do Concello, para falar sobre a posibilidade de crear unha empresa con maioría de capital público que se ocupe da xestión da auga.

O Concelleiro indicou que “o que se presentou na xuntanza foi unha proposta ós grupos políticos para a creación dunha empresa con capital municipal maioritario, arredor do 80%, o que lle daría ós lucenses representados polo Goberno local a maioría no Consello de Administración”.

Esta iniciativa que plantexa o equipo de Goberno ten como obxectivos:

- mellorar a calidade da auga de Lugo,
- dar un mellor servizo á cidadanía e
- impedir a suba das tarifas, polo menos, no consumo doméstico.

O equipo de goberno fai esta proposta ante a necesidade de que exista unha xestión máis eficiente e áxil do servizo da auga da cidade de Lugo, sen ter a necesidade de acudir a outras empresas para, por exemplo, realizar estudos específicos. Segundo González Dopeso, “aforraríase tempo ó ter tecnicos expertos traballando directamente para nós e seríamos moito máis eficaces”.

O Concelleiro afirmou que a empresa reinvertirá os beneficios na mellora da propia compañía; é dicir, non haberá reparto de dividendos, senón que os ingresos se empregarán para melloras internas da xestión. “A rendabilidade da compañía asociada ó Concello xurdirá da súa eficacia; a maior eficacia maiores ganancias”.

González Dopeso tamén aproveitou a ocasión para desmentir as informacións recollidas na prensa sobre as tarifas da auga. “As informacións dadas son un estudo feito polo servizo de economía do Concello das tarifas por metro cúbico que habería na situación actual, non é unha proposta de tarifas”, aclarou o Concelleiro.

Noticias relacionadas