O alcalde revisa, xunto a técnicos municipais e representantes da Asociación de Veciños Centro de Lugo, a distribución do mobiliario urbano nos novos espazos peonís

Miguel Fernández percorreu prazas e rúas para determinar a colocación de bancos, papeleiras, xardineiras e a prantación de dúas árbores no xardín de Santo Domingo.

Tamén se estudaron as localizacións para estas dotacións en Montevideo, Bolaño Rivadeneira e na rúa Quiroga Ballesteros, desde o colexio ata a rúa San Froilán.

Mércores, 09 de abril de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O alcalde revisa, xunto a técnicos municipais e representantes da Asociación de Veciños Centro de Lugo, a distribución do mobiliario urbano nos novos espazos peonís

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, acompañado da concelleira de Cohesión Territorial, Ana González Abelleira, revisou, en colaboración dos técnicos municipais e representantes da Asociación de Veciños Centro de Lugo, a distribución e colocación do mobiliario urbano nos novos espazos peonís que está a gañar a cidade grazas ás obras de peonalización do centro histórico. Para coñecer estas localizacións sobre plano e tamén in situ, o alcalde e integrantes do citado colectivo percorreron as prazas e rúas xunto ao xefe de obra, dirección facultativa e técnicos municipais.

Tamén falaron doutras demandas da Asociación de Veciños Centro de Lugo, a máis urxente, o mal estado dalgunhas rúas polas que están pasando os vehículos mentres se rematan os traballos noutras vías. Neste sentido, o alcalde lles adiantou que “a intención do Goberno Local é a de actuar sobre o deterioro que sofren”.

Ademais, falaron da colocación de bancos, papeleiras e xardineiras en Santo Domingo, onde a asociación solicitou intervencións no xardín desta praza, como a prantación de dúas árbores para substituír os dous rododendros que se secaron.

O citado percorrido tamén levouse a cabo nas vías de Montevideo, Bolaño Rivadeneira e Quiroga Ballesteros, no treito que vai do colexio á rúa San Froilán, onde o proxecto tamén prevé a colocación de bancos, como principais elementos do mobiliario urbano con que se completará a humanización e transformación destas rúas, coas que gañar espazos para a veciñanza. Atenderanse algunhas das solicitudes realizadas pola citada asociación, entre outras que nos treitos de máis pendente se calcen os bancos para deixalos horizontais. Xunto aos bancos, nestas zonas se incorporarán xardíns con céspede e flores, ademais de alcorques con árbores nas rúas.

O alcalde de Lugo sinalou que “na medida do posible estamos intentando adaptarnos ás demandas da Asociación de Veciños Centro de Lugo. Temos claro que a nosa principal prioridade é gañar espazos para a cidadanía e facer un Lugo máis aberto e humano, pero tamén debemos ter en conta outros factores á hora de determinar a colocación do mobiliario urbano, como os accesos ao centro dos residentes, de vehículos de emerxencia, dos servizos de limpeza, ou das empresas de carga e descarga”.

Multimedia

  • O alcalde revisa, xunto a técnicos municipais e representantes da Asociación de Veciños Centro de Lugo, a distribución do mobiliario urbano nos novos espazos peonís
  • O alcalde revisa, xunto a técnicos municipais e representantes da Asociación de Veciños Centro de Lugo, a distribución do mobiliario urbano nos novos espazos peonís
  • O alcalde revisa, xunto a técnicos municipais e representantes da Asociación de Veciños Centro de Lugo, a distribución do mobiliario urbano nos novos espazos peonís

Noticias relacionadas